DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xavier Caparrós, director creativo interactivo de "Double You"

“As marcas teñen que saber mudar a súa linguaxe cara ás novas tecnoloxías”

Na inauguración das I Xornadas da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 12/12/2007

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación está de estrea, coa celebración desde hoxe, das Xornadas da Comunicación que, na súa primeira edición, tratan como tema principal, as novas ideas e tendencias do sector. De feito este foi o eixe do relatorio inaugural que impartiu Xavier Caparrós, director creativo interactivo da axencia Double You, especializada en medios dixitais. “Estamos entrando nunha nova fase da comunicación, estamos nun novo escenario que é o da publicidade dixital. E ante esta situación as marcas teñen que saber mudar a súa linguaxe cara ás novas tecnoloxías”, explicou o creativo.
Pola súa banda, o director da Área de Sensibilización Pública da axencia de comunicación Burson Masteller, Cristóbal Fernández, centrou a súa conferencia nas relacións públicas explicando as labores de consultaría e as actividades no ámbito da comunicación corporativa que leva desempeñando ao longo de dez anos de carreira profesional.

A inauguración

O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, foi o encargado de abrir a primeira edición das xornadas e asegurou que “o sector da publicidade é un dos máis influentes da sociedade e da cultura do noso tempo. Pasamos dun consumo de distinción social a un consumo emocional e neste cambio é sobre o que teñen que traballar os alumnos. Por iso é de suma importancia participar nestas charlas, porque a universidade é o motor da sociedade do coñecemento e con estas accións axudamos a pensar aos estudantes”, explicou Jesús Hernández.
Ademais do vicerreitor, na inauguración das xornadas estiveron presentes a organizadora do evento e directora da Área de Extensión Universitaria e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto e a profesora de Comunicación Audiovisual e Publicidade, Montserrat Vázquez Gestal, que presentaron aos dez protagonistas que dan contido a estas conferencias.

Sucesión de relatorios

O planificador estratéxico da central de medios Grey, Jorge Cubain, coa ponencia Emocióname antes de venderme algo. El uso estratégico de la emoción, e a coordinadora do Festival Iberoamericano El Sol, Laura Fuente, que falará sobre El Sol Festival Iberoamericano Ayer y Hoyos, serán os encargados de pechar a primeira sesión das xornadas.
As xornadas continuarán este xoves coa participación de Paco Conde, o director creativo da axencia de publicidade Sra. Rushmore, encargada da campaña de José Luis Rodríguez Zapatero á presidencia do goberno. Conde será o encargado de pechar as xornadas coa última conferencia da tarde El caso del Atlético de Madrid contado por un vikingo, pero non sen antes escoitar as interesantes ponencias de Antonio Cortés, director de marketing da campaña de Gadis, Vivamos como Galegos ou da directora de ventas de Yahoo España, Teba Lorenzo. A xornada do xoves tamén contará coa participación de Blanca Fullana e Jordi Ballera, membros do equipo directivo de Edelman Spain e do director da axencia Hill & Knowlton, Jorge Peidro.