DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As sesións impartiranse este venres e sábado

De marcha nórdica polo campus

Un curso de extensión da a coñecer os beneficios desta nova modalidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 02/07/2009

O primeiro paso que damos de cativos é un dos fitos da nosa vida pero logo diso, por rutinario e natural, esquecemos a súa importancia. Por sorte, nos últimos tempos estase reflexionando sobre os beneficios que esta actividade ten para a nosa saúde e como potencialos. Cun xesto tan simple como o de incorporar uns bastóns e unha técnica específica, este exercicio mellorará substancialmente o noso estado físico e psíquico. Para aqueles que queiran achegarse a esta nova modalidade organízase no campus o curso Nordic Walking os días 3 e 4 de xullo.
Trátase dun deporte apto para todos os públicos, que destaca pola súa fácil e rápida aprendizaxe e segundo explica o seu director, Iván Martínez Lemos, “non se require coñecemento previo da actividade nin actitude física específica”. A técnica induce unha activación simultánea de forza a nivel de ombros, brazos e tronco, que se suma ao movemento habitual de pernas durante la marcha.
O relator do curso será Bernd Reinhold e iniciará a actividade cunha aproximación á historia e desenvolvemento do Nordic Walking, do material que se precisa para realizalo e da técnica ALFA 247. Nesa primeira xornada, os participantes no curso desprazaranse á contorna do río Lérez para realizar a primeira práctica e recibir as primeiras leccións sobre variantes como a costa arriba, costa abaixo e distintos tipos de exercicios deportivos e xogos.

Primeiro curso en Galicia

A dinámica do curso tamén inclúe tomas de vídeo para corrixir individualmente os erros dos alumnos e un achegamento aos primeiros auxilios. O curso rematará o sábado cunha intervención de Iván Martínez sobre o Nordic Walking como vía de inserción laboral para os licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e a presentación da delegación galega da ANE.
Segundo explica o seu director “desde hai quince anos o Nordic Walking avanza imparable a través de países do norte e centro de Europa como un instrumento de saúde pública e este curso é o primeiro que se fai en Galicia cun instrutor da International Nordic Fitness Association (INFO), nun curso acreditado pola Asociación Española de Nordic Walking (ANE)”. Ademais dunha primeira aproximación a esta técnica, o curso tamén está recoñecido como curso de iniciación ao Nordic Walking pola ANE, requisito imprescindible para acceder a titulacións superiores como a de instrutor.

Amplo programa por diante

Coa posta en marcha deste curso, a oferta de Cursos de Extensión de Verán vai completándose. Logo de repasar a evolución do documental, estudar as medidas de autoprotección e prevención de accidentes en centros escolares e públicos ou fomentar o uso dos contos como ferramentas docentes en Vivir do conto’09, o vindeiro 17 de xullo está previsto que comece un obradoiro de Introdución aos programas de debuxo e deseño por ordenador. O curso, dirixido por Paulino Alegre, impartirase na EUET Forestal e ten un prezo de 90 euros.
Será en setembro cando se retome a programación. O día 8 comezará o curso Actividade física durante o embarazo e o postparto, dirixido por Cristina López, para o que xa están cubertas as 35 prazas ofertadas. Cumprida a metade do mes poñeránse en marcha outras tres actividades: O corpo, fonte de sabedoría, Máis alá da danza contemporánea e Fiscalidade e contabilidade das entidades non lucrativas.