DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores da Universidade de Vigo constatan os efectos do vertido do petroleiro no longo prazo

A marea negra do Prestige reduciu nun 45% o éxito reprodutor das colonias de corvo mariño cristado

A publicación científica 'Nature' referencia o traballo de Álvaro Barros, David Álvarez e Alberto Ve

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/05/2014

Existe unha opinión xeneralizada, incluso dentro da comunidade científica, de que os efectos dos grades vertidos de petróleo no medio mariño en xeral e, particularmente, nas aves mariñas, prodúcense só a curto prazo. Unha idea, que non obstante, vén de ser rebatida no traballo Long-term reproductive impairment in a seabird after the Prestige oil spill publicado polos investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Álvaro Barros, David Álvarez e Alberto Velando, no que se apunta que os efectos dun gran vertido, como foi o do petroleiro Prestige, poden ser importantes tamén no longo prazo, e polo tanto, as medidas de recuperación das zonas e especies afectadas deben ser formuladas tamén con esta perspectiva. O estudo levado a cabo polos tres investigadores da Universidade de Vigo e que recolle datos tomados durante 19 anos (1994-2012) en dezaoito colonias de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), confirma que a marea negra do Prestige reduciu nun 45% o éxito reprodutor desta especie que, segundo criterios da IUCN, International Union for Conservation of Nature, en Galicia está catalogada como Vulnerable, nas Rías Baixas como En perigo de extinción e no Parque Nacional das Illas Atlánticas como En perigo crítico de extinción.

“O Prestige afectou ao corvo mariño cristado non só a curto prazo, coa morte inevitable de aves por contacto directo co cru, senón tamén ao longo prazo”, explica Álvaro Barros, que sinala que o petroleiro produciu un deterioro nas condicións do medio mariño tal “que 10 anos despois estas aínda non se recuperaron”. A calidade da información, a súa orixinalidade e o impacto desta publicación, son segundo Barros as razóns de que este traballo fose referenciado na publicación científica Nature “o que fai resaltar aínda máis a importancia deste estudo, que radica basicamente no feito de que estudos ben fundamentados sobre o efecto a longo prazo dos grandes vertidos de cru son moi raros a nivel mundial”.

Posibles causas do descenso no éxito reprodutivo

Os autores do estudo publicado na revista Biology Letters, consideran como “esperable” o feito de que o Prestige afectase á poboación da zona máis petroleada, sen embargo recoñecen quedar sorprendidos polo grao de afectación, que claramente, consideran, pode explicar boa parte da diminución da poboación nos últimos anos, concretamente no Parque Nacional. E é que segundo revela o estudo “sete das colonias estudadas, todas no sur de Galicia, foron consideradas como moi afectadas polo vertido e outras 11, todas asturianas e dúas do norte de Galicia, foron consideradas como pouco afectadas”, detalla Barros.
Con estes datos na man, os investigadores apuntan dúas posibles causas da diminución na reprodución desta especie, aínda que tamén deixan claro que “nós non estudamos especificamente de que xeito afectou o vertido ao corvo mariño, só puxemos en evidencia os seus efectos”.

Non obstante, tomando como referencia traballos realizados con outras especies como a gaivota patiamarela nas Rías Baixas e tamén coa información recompilada sobre o corvo mariño nos primeiros anos tralo desastre do Prestige, os científicos apuntan como causas, por unha banda, os efectos subletais do cru, que tería afectado á condición física das aves, e, pola outra, a diminución da dispoñibilidade da principal presa do corvo mariño: o bolo.

Case dúas décadas de monitorización nas que radica a excepcionalidade do estudo

Fronte a outros traballos que analizan exclusivamente as consecuencias dos grandes vertidos unha vez que estes se producen, o estudo dos investigadores da Universidade de Vigo achega información sobre o estado das poboacións, neste caso de corvo mariño cristado, antes da marea negra do Prestige. Concretamente o estudo recolle datos tomados entre os anos 1994 e 2012 en 18 colonias de corvo mariño, das que nove se sitúan en Galicia e outras nove en Asturias e nas que, ao longo de case dúas décadas, se recolleron datos de 2426 niños. “Este é o principal valor do noso estudo e pon de manifesto a importancia dun monitoreo continuado no tempo das poboacións das especies máis sensibles”, explica Barros, que lembra que o problema deste tipo de traballos é que dado o imprevisible dos grandes vertidos é habitual que haxa moita información despois de que suceda, pero raramente existe ese coñecemento sólido sobre o estado das poboacións antes de que se produza o incidente.