DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os nenos e nenas da Escola Infantil do campus disfrazáronse este venres de flores

Margaridas, xirasoles e papoulas para celebrar a chegada do Entroido

Compartiron con pais e nais e coa comunidade universitaria unha tarde de lecer

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 08/02/2013

Polo Parque Medioambiental da cidade, situado no corazón do campus de Ourense, este venres paseáronse unhas flores moi particulares. Con grandes pétalos de cores e en bonitos testos, margaridas, xirasoles e papoulas anticipáronse á chegada da primavera poñendo unha nota de alegría aos xardíns universitarios. Eran os nenos e nenas da Escola Infantil do campus, que quixeron celebrar a chegada do Entroido disfrazados deste xeito e compartir con pais e nais e coa comunidade universitaria en xeral unha tarde de lecer.

“Os rapaces de cero a un ano van disfrazados de papoulas, os de un a dous anos de xirasoles e os de dous a tres anos de margaridas”, explicou Bibiana González, responsable da escola infantil. Segundo destacou, aínda que os máis pequenos non puideron axudar ás docentes do centra a elaborar as vestimentas, si o fixeron os máis grandes, que puxeron o seu gran de area coloreando algunha das pezas que conformaban os disfraces.

Deste xeito, despois de vestirse e maquillarse na gardería e con algo de nerviosismo polo estraño da situación, os pequenos e pequenas realizaron un desfile ata chegar á entrada do Edificio Xuridico-Empresarial, onde pais, nais e outros familiares os agardaban expectantes e coas cámaras de fotos preparadas. Unha vez dentro do edificio, os nenos e nenas cantaron para os seus familiares varias cancións, atrevéndose incluso cunha en inglés. Ante o sorriso de familiares e membros da comunidade universitaria que por alí pasaban, os máis pequenos do campus de Ourense puxeron en escena toda a súa creatividade e sobre todo moita naturalidade.