DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardón está convocado polo Colexio de Avogados de Ceuta

María Vitoria Álvarez acada o I Premio Manuel Olivencia cun traballo sobre a proba de ADN no proceso penal

A investigadora predoutoral da Facultade de Dereito está realizando a tese sobre este tema

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 02/05/2017

María Vitoria Álvarez Buján, investigadora predoutoral de Dereito Procesual da Facultade de Dereito do campus de Ourense, vén de gañar a I Edición do Premio Manuel Olivencia, convocado polo Colexio de Avogados de Ceuta. O galardón foille concedido por un traballo xurídico monográfico titulado A proba de ADN no proceso penal: as súas reviravoltas desde a óptica do exercicio da avogacía. O estudo forma parte da investigación que desenvolve no marco da súa tese de doutoramento arredor da proba de ADN baixo a dirección da profesora Inés Iglesias Canle.

O fallo do tribunal do premio foi por unanimidade, estando dotado o galardón con 3000 euros co fin de "recoñecer e estimular a labor creadora e de investigación" en calquera eido xurídico. A investigadora recibiu con satisfacción a nova da concesión, destacando o feito de que se trata da primeira edición dun certame que “leva o nome dun xurista tan destacado como Manuel Olivencia”. Dado que o traballo galardoado está realizado no marco da elaboración da súa tese de doutoramento, Álvarez Buján subliña como este galardón “é un aliciente para seguir traballando na tese, agora que estou de cheo na súa redacción”. A entrega do galardón terá lugar o 28 de maio nun acto público que coincidirá coa celebración das VIII Xornadas Xurídicas de Ceuta 2017.

A formación dos xuristas

No seu traballo, Álvarez Buján examina, desde un prisma crítico, a regulación existente en España sobre a materia relativa ás probas de ADN no seo do proceso penal e ás intervencións corporais leves con fins de identificación xenética, incidindo especialmente nas últimas reformas realizadas sobre o Código Penal e a Lei de Enxuiciamiento Criminal no ano 2015 nesta materia. O obxectivo do traballo foi, apunta, “resaltar cales son os problemas substanciais que presenta a normativa na actualidade e que deberían ser mellorados” e, achegar desde un punto de vista práctico e conciso cales son os principais aspectos vinculados á proba de ADN aos que debe atender un avogado ou avogada para "poder deseñar a mellor estratexia procesual posible para o seu defendido así como de facer valer o seu dereito de defensa de forma optimamente garantista".

“O cadro normativo existente no que se refire á realización de probas de ADN e a necesaria práctica, a tal fin, de intervencións corporais leves, dista moito de ser completo, sistemático e efectivo, polo que o lexislador continúa tendo unha tarefa pendente respecto deste ámbito concreto”, comenta a investigadora da Facultade de Dereito ourensá. Chéguese ou non a acometer unha mellora lexislativa de futuro que veña a dar resposta a todos os interrogantes e lagoas que a regulación actual expón, comenta Álvarez Buján, o papel dos avogados e avogadas “é primordial, particularmente, á hora de conseguir que as persoas investigadas poidan exercitar o seu dereito de defensa con todas as garantías necesarias”.

Segundo explica a investigadora, “é esencial que os letrados dominen as particularidades concernentes ao funcionamento, aplicación e virtualidade das probas de ADN, así como á inscrición de identificadores xenéticos na base de datos de ADN policial”. Este coñecemento, apunta Álvarez Buján, é necesario para prestar un asesoramento apropiado e integral e para deseñar e articular a estratexia procesual que máis poida favorecer aos seus defendidos tratando de evitar que sufran un menoscabo desproporcionado na esfera dos seus dereitos á intimidade xenética e á autodeterminación informativa. Para acadar estes obxectivos, apunta, “consideramos imprescindible que estes profesionais xurídicos asuman entre as súas funcións a de controlar a correcta cancelación dos identificadores xenéticos inscritos na base de datos unha vez chegado o momento previsto legalmente para iso ou, no seu caso, a de promover os trámites necesarios a tal fin, tras o debido concerto coa persoa defendida”.