DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xurado tivo que escoller entre os 230 relatos presentados

Marie Curie arrasa na cuarta edición de Ciencia que Conta

As mulleres científicas e os temas relacionados coa saúde foron os máis recorrentes

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 05/12/2011

Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira persoa en recibir dous premios Nobel e a primeira muller en ser profesora na Universidade da Sorbona en París. Por iso non é de estrañar que, no Ano Internacional da Química e no que se conmemora o centenario no que recibiu en solitario o prestixioso premio, a científica Marie Curie fora unha das grandes protagonistas dos relatos presentados ao 4º Concurso Ciencia que Conta. O xurado tivo que escoller este ano entre os 230 traballos recibidos, un 35% máis que a pasada edición, o que indica o alto índice de consolidación do certame que “vai gañando pulo e a ser coñecido. A xente está á expectativa, esperando a que saia a convocatoria para participar”, asegura Pío González, membro do grupo de Física Aplicada da Universidade de Vigo que organiza o concurso.

Secundaria, a categoría con máis participación

Pensado para fomentar a cultura científica e achegar o traballo de investigadores e tecnólogos á cidadanía, o certame conseguiu espertar o interese dos máis novos: a categoría estrela foi a de Secundaria, con 136 relatos, máis da metade de todos os presentados; séguelle Primaria, con 43 traballos; Bacharelato, con 39; e Xeral, con 11 relatos e unha “participación moi reducida este ano”. As biografías e os temas relacionados coa saúde, como as vacinas ou o cancro, son os máis recorrentes, aínda que a verdadeira triunfadora desta edición foi a figura de Marie Curie. “Os colexios traballan con certa insistencia a cuestión da muller científica e iso reflíctese nos traballos que logo se presentan”, recoñece González.

Os verdadeiros protagonistas da entrega de premios no Museo del Mar de Galicia durante a emisión en directo do programa da Radio Galega ‘Efervesciencia’ foron os gañadores do certame, con moitas curiosidades nesta edición. Na categoría de Primaria a gañadora foi Sara Álvarez, do CEIP Altamira de Salceda de Caselas por Epstein-Barr chega a Galiza, “pola magnífica integración dun relato de carácter científico nunha estrutura de conto infantil clásico e polo rigor no tratamento dos conceptos científicos”. Seguíronllo Martín Fernández, Solomon Durán, Luis Sampedro e Irene González, todos eles de colexios de Vigo e a súa comarca. En Secundaria os agraciados foron de centros de Santiago e a súa comarca: o primeiro premio foi para Ignacio Mañá, do IES Europa de Ponferrada (León), por Amizade CONciencia “pola riqueza expresiva, a eficaz utilización de termos científicos e a forza poética ao longo da narración e por ilustrar como a partir dun feito fortuíto e unha atenta observación pode xurdir a ciencia”, como asegurou o xurado. Ana Moure e Laura Montoya quedaban co segundo e terceiro posto e Beatriz Adán e Irene Chaves cos dous accésits.

Na categoría de Bacharelato e Ciclos FP o primeiro galardoado foi Breixo Xesús Álvarez, que repite como gañador en edicións anteriores, “o que demostra que son bos escribindo porque con xurados distintos obteñen os mesmos resultados”, subliña Pío González. Sara destacou por lograr “transmitir de xeito orixinal os valores de traballo, tenacidade e esforzo como piares do avance científico, ademais de fusionar diversos campos da ciencia con ritmo trepidante, misterio, nostalxia e suspense”. O segundo posto foi para Alberto Ben e o terceiro para María Elena López.

Na última categoría, na Xeral, “a calidade literaria, a erudición e a orixinalidade á hora de novelar unha biografía” valéronlle o primeiro premio a Xosé Alfredo Naz, que se presentou con A bruxa de Agnesi. Carlos Balado e Constantino Armesto quedaron en segundo e terceiro lugar.

Un libro con 40 relatos

O xurado estivo composto este ano por un grupo “mixto” con expertos en ciencias e en letras. Os encargados de seleccionar aos gañadores foron Casto Rivadulla, neurofisiólogo e profesor da Universidade da Coruña; Betty León, catedrática xubilada da Universidade de Vigo; Iolanda Zúñiga, escritora e Premio Xerais de Novela 2010; Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo; e Pablo Carrera, biólogo e ex director do Museo del Mar de Galicia. Entre todos os traballos presentados seleccionaron 40 cos que se editará o libro ‘Ciencia que conta 2011’, que se publicará entre febreiro e marzo do vindeiro ano.