DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Mario Pansera fala no campus sobre ciencia, tecnoloxía e innovación nunha era pos-crecemento

Destacou a importancia da reflexión ética na formación do alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Democracia
  • Académica
DUVI Ourense 06/11/2023

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense continuou este luns o seu ciclo de charlas divulgativas Foro Aero coa conferencia Innovación sen crecemento: ciencia, tecnoloxía e innovación nunha era pos-crecemento. Foi ofrecida por Mario Pansera, director do grupo Post-growth Innovation Lab da Universidade de Vigo e profesor Oportunius GAIN-Xunta de Galicia.

A conferencia, celebrada no edificio Politécnico, foi presentada polo profesor da escola Diego Carou, que puxo en valor a importancia da reflexión crítica e a perspectiva ética no eido científico e tecnolóxico. El foi o encargado de presentar ao relator, responsable do Post-Growth Innovation Lab, con sede no campus de Pontevedra, beneficiario dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación e no que se desenvolven proxectos europeos como JUST2CE e Prospera (Prospering without growth: Science, Technology and Innovation). Este último, financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), ten como obxectivo responder á pregunta de como poderían funcionar as organizacións nun sistema que non se basee nun crecemento sen fin e foi o protagonista da conferencia de Pansera.

As consecuencias negativas da tecnoloxía

Na súa intervención, o investigador quixo “criticar o concepto mainstream ou convencional de innovación, intentar amosar cales son os danos que a tecnoloxía pode provocar se non está gobernada democraticamente e dar algunhas ideas de como podería ser o proceso de desenvolvemento tecnolóxico nun mundo que xa non estea obsesionado co crecemento económico”. Na era pos-crecemento trátase, apuntou, de “enfocarse nas persoas, nas súas necesidades básicas, no coidado do medio ambiente, etc”, de “imaxinar unha sociedade que non necesita medrar para mellorar o nivel de vida”.

Mario Pansera sinalou que “os graos técnicos e o seu alumnado desafortunadamente non teñen unha formación que teña que ver coa ética da tecnoloxía, coa reflexión sobre os danos que pode facer a tecnoloxía e como remedialos, como pensar e anticipar a eses danos e ás consecuencias negativas das tecnoloxía”. Porén, dixo, “eu creo que todas as facultades de enxeñaría e de ciencia en xeral deberían ter cando menos unha introdución ao que é a ética da ciencia e como poder innovar de forma responsable”. Por este motivo amosou a súa satisfacción por participar este luns nun Foro Aero destinado ao alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.