DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro martes, promovido pola Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea 

Mario Pansera participa nun debate sobre economía e sustentabilidade promovido pola UE

Servirá tamén para dar a coñecer o Post-Growth Innovation Lab e o proxecto ‘Prospera'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/02/2022

Como pode a Unión Europea avanzar cara unha economía que devolva ao medio ambiente máis do que colle? Esta é a pregunta central do foro Economic sustainability for the 21st century, que a Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea promove o vindeiro martes 8 de febreiro de forma virtual, coa participación de expertos e expertas en economía circular e poscrecemento de diferentes países. Entre eles, o investigador da Universidade de Vigo Mario Pansera, que achegará ao debate unha visión crítica do chamado “crecemento verde”, á vez que dará a coñecer o labor do Post-Growth Innovation Lab, o grupo de investigación que puxo en marcha en Pontevedra ao abeiro do proxecto Prospera (Prospering without growth: Science, Technology and Innovation in a post-growth era), polo que resultou beneficiario dunha bolsa Starting Grant, outorgada polo Consello Europeo de Investigación (ERC).

“É algo moi relevante, porque teremos a nosa voz directamente no corazón da Unión Europea”, salienta Pansera da súa participación nun foro que abrirá o director xeral de Investigación e Innovación da UE, Jean Eric Paquet, e que implica “pór ao grupo no mapa e tamén á Universidade”. Alén da visibilidade que este evento poida achegar ao Post-Growth Innovation Lab, o investigador pon o acento no valor de que as institucións comunitarias promovan un debate destas características. “É un gran éxito do pensamento crítico, porque hai 20 anos, que persoas coma min ou coma outros dos participantes foran convidadas a un debate así, ao que só se invitaba a economistas mainstream, tería sido imposible”, sostén Pansera, que destaca o interesante de xerar un “debate plural” en iniciativas como este evento virtual, orientado aos axentes responsables das políticas relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. 

Dirixido a afondar nas dimensións económicas da sostibilidade como un desafío investigador e político, o foro será inaugurado polo director xeral de Investigación e Innovación da UE e polo director europeo da Axencia Europea do Medio Ambiente, Hans Briyninckx. Cunha intervención de apertura sobre crecemento verde a cargo de Mike Asquith da Axencia Europea de Medio Ambiente, o panel de discusión deste evento reunirá expertos e expertas das universidades de Leeds, Laussane e Surrey, xunto co director do think thank Bruegel e representantes da Dirección Xeral de Asuntos Económicos e Financeiros da Comisión Europea e de Triodos Investment Management. Xunto a eles, Pansera e o investigador da Universitat Oberta de Catalunya Zora Kovacic son os únicos representantes de institucións académicas españolas convidados a participar nesta iniciativa.

A innovación e os “límites do planeta”

O papel da innovación nunha “era pos-crecemento” será o eixo da intervención de Pansera neste foro, que o investigador da UVigo afronta como “como un debate entre xente que está promovendo a idea, para min ilusoria, do crecemento verde e os que somos críticos”. Neste punto, pon o acento en que “a innovación é fundamental no discurso que fai posible o crecemento verde, que pretende demostrar como a través da tecnoloxía é posible seguir medrando e seguir facendo beneficios a costa do medio ambiente e das persoas”. Fronte estes postulados, Pansera subliña “que incluso coa tecnoloxía non podemos ir máis aló dos límites do planeta”, o que fai preciso “pensar noutra idea da innovación baseada no coidado”, aspecto que conecta directamente a súa intervención co proxecto Prospera. 

Non en van, analizar como sería unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continúo, explorando novas formas de organizar a produción máis sustentables e xustas, é o obxectivo central deste proxecto europeo, financiado con preto de 1,5 millóns de euros polo ERC. Ademais da incorporación de Pansera á UVigo, este proxecto fixo posible a creación dun grupo de investigación que a día de hoxe integran unha decena de investigadores e investigadoras. “Os doutorandos e doutorandas xa están empezando a traballar sobre os casos de estudos e xa contamos tamén con catro investigadores postdoutorais”, apunta Pansera desta investigación na que están implicadas tamén diferentes universidades europeas e americanas. Ao mesmo tempo, o grupo que coordina traballa tamén no proxecto JUST2CE, seleccionado no programa H2020, e que, baixo a coordinación da UVigo e da Autónoma de Barcelona, céntrase en como promover unha transición cara unha economía circular que, ademais de contribuír á preservación dos ecosistemas, sexa tamén socialmente xusta.