DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o de agora ocupaba o cargo de vicedecana do centro

Marta Fernández é elixida nova decana da Facultade de Dereito

Substitúe no posto a Roberto Bustillo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 03/11/2015

Marta Fernández Prieto foi elixida este martes nova decana da Facultade de Dereito do campus de Ourense. Como única proposta presentada, a súa candidatura foi sometida a votación da Xunta de Facultade obtendo 25 votos a favor e un branco, non habendo votos en contra nin nulos. Deste xeito, a profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social substitúe no cargo a Roberto Bustillo, que decidiu non presentarse á reelección despois de tres anos de mandato.

O equipo de goberno de Marta Fernández está formado por Miguel Ángel Michinel, que foi decano do centro de 2009 a 2012 e que ocupará o cargo de vicedecano de Planificación e Calidade; Francisca Fernández Prol, que será vicedecana de Organización Académica, Profesorado e Alumnado, e Concepción Martínez, persoal de Administración e Servizos que será a secretaria, cargo que xa ocupou no mandato de Luis Rodríguez Ennes entre os anos 1996 e 2000. “Decidín presentar a miña candidatura coa idea de dar continuidade ao traballo realizado nos últimos anos e de seguir colaborando na mellora do centro”, comentou antes da súa elección Fernández Prieto. Unha vez superada a votación, a docente recalcou que “a nosa intención é manter unha liña de continuidade cos anteriores equipos de goberno. O pasado ano aprobamos por consenso no centro o seu plan estratéxico para o período 2015/2018 e no noso obxectivo basicamente será aplicalo e traballar para cumprir os obxectivos que nel nos marcamos”, comentou a nova decana de Dereito.

Para os vindeiros tres anos, Fernández Prieto salientou que traballarán para consolidar a posición da Facultade de Dereito no marco do Sistema Universitario Galego e que continuarán coa acreditación da súa calidade. Conseguida a certificación do sistema de garantía interna de calidade, a docente apuntou que os vindeiros anos somenteranse a acreditación os títulos da facultade e, de conseguir superar este trámite, podería acadarse a acreditación do centro. Durante os tres anos de mandato que se abren agora, a decana subliñou ademais que traballarán para avanzar no fomento da realización de prácticas externas por parte do alumnado, en mellorar a súa empregabilidade e en potenciar a internacionalización do centro e dos seus estudos.

Valoración do equipo saínte

Con esta votación remata o mandato dun equipo de goberno que estivo encabezado nos tres últimos anos por Roberto Bustillo como decano e do que formaron parte Susana Álvarez, vicedecana de Organización Académica; Marta Fernández, vicedecana de Planificación e Calidade, que asumiu o cargo en substitución de Virxilio Rodríguez tralo seu nomeamento como vicerreitor de campus; e María Dolores Fernández, secretaria. Desta etapa ao fronte do centro, Bustillo Bolado realizou “unha valoración moi positiva” por varias razóns, entre elas porque se adoptaron decisións moi importantes para o futuro da facultade. Entre elas, o docente subliñou a aprobación dun novo plan de estudos; a posta en marcha dun programa conxunto de Administración e Dirección de Empresas e Dereito; a reestruturación da oferta do segundo ciclo; a aprobación do plan estratéxico do centro e a consecución da certificación do sistema de garantía interna de calidade do centro.

“Todo o acadado foi feito entre todos, sempre por consenso da Xunta de Facultade e coa súa colaboración e iso é un motivo de especial satisfacción”, comentou Roberto Bustillo. Xestionar un centro, apuntou, non é doado xa que “as responsabilidades son moitas e os medios limitados”, polo que o que se conseguiu durante estes anos, recalcou, débese “ao esforzo e ao moito e bo traballo” do equipo directivo e da Xunta de Facultade. Co novo equipo saído das furnas este martes, dixo, hai continuidade, o que demostra que “somos unha facultade unida e comprometida cun plan estratéxico”. Rematada a súa etapa como decano, o obxectivo de Roberto Bustillo agora é emprender novos proxectos. “Decidín non presentarme á reelección non porque estivera cansado, que non o estou, senón porque despois de seis anos na xestión do centro, tres como vicedecano e tres como decano, apetéceme facer novas cousas. Son unha persoa moi inqueda e é o momento de abrir unha nova etapa”, comentou.