DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os dous ocupaban ata o de agora o cargo de vicedecanos nos seus respectivos centros

Marta Fernández e Gil Garrote, candidatos aos decanatos das facultades de Dereito e Ciencias

As eleccións serán os días 3 e 4 de novembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 27/10/2015

Este martes realizouse a proclamación definitiva de candidatos a decano ou decana tanto da Facultade de Dereito como da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Finalmente, Marta Fernández Prieto é a única aspirante que se presentou para dirixir Dereito e Gil Garrote o único candidato para dirixir Ciencias. Os dous ocupaban ata o de agora os postos de vicedecanos nos seus respectivos centros, dando coa súa candidatura continuidade ao traballo realizado polos equipos de goberno saíntes. As eleccións serán os días 3 e 4 de novembro.

Marta Fernández Prieto, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, preséntase ás eleccións da Facultade de Dereito cun equipo totalmente renovado no que propón como vicedecanos a Francisca Fernández Prol e a Miguel Ángel Michinel, que foi decano do centro de 2009 a 2012. A secretaria proposta é Concepción Martínez, persoal de Administración e Servizos. A campaña electoral desenvolverase do 28 ao 30 de outubro e a votación será o día 3 de novembro. “Decidín presentar a miña candidatura coa idea de dar continuidade ao traballo realizado nos últimos anos e de seguir colaborando na mellora do centro”, comenta Fernández Prieto.

Pola súa banda, Gil Garrote, profesor titular de Enxeñaría Química, preséntase ás eleccións da Facultade de Ciencias cun equipo composto polos vicedecanos Francisco Javier Rodríguez Rajo e Sidonia Martínez, que repetiría no posto, e pola secretaria Elena Martínez Carballo, que tamén se mantería do equipo de goberno saínte. Do 28 de outubro ao 3 de novembro realizarase a campaña electoral e o día 4 de novembro será a votación. “Despois de seis anos como vicedecano presenteime a decano co obxectivo tanto de dar continuidade ao moito traballo que realizamos estes anos como de enfrontar novos retos para a facultade”, explica Gil Garrote.

En ambos casos, as eleccións celebraranse por votación da Xunta de Facultade. Este órgano está formado polo equipo decanal; por todo o profesorado funcionario do centro, que constitúe o 51% da Xunta de Facultade; por unha representación do alumnado, que constitúe o 30% da Xunta de Facultade; por unha representación do persoal de administración e servizos, que constitúe o 10% da Xunta de Facultade, e por unha representación do persoal docente e investigador sen vinculación permanente á Universidade, que constitúe o 9% da Xunta de Facultade, correspondendo polo menos o 80% ao persoal docente e investigador con dedicación a tempo completo.