DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ex-alumna de Esdemga estivo arroupada por Lola Dopico e outros profesores da escola

Marta Montoto, "satisfeita" trala presentación dos seus estilimos en El Ego de Cibeles

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 20/02/2009

Con "menos nervios dos que esperaba" e moita ilusión a ex alumna de Esdemga e gañadora do primeiro premio do Debut’08, Marta Montoto, presentou este venres os seus deseños na sección El Ego de Cibeles Madrid Fashion Week. Un momento crucial no que esta nova deseñadora tivo a ocasión de amosar as súas propostas nun escaparate internacional. "Agora, por un lado, estou triste porque xa todo pasou pero tamén moi contenta porque creo que todo saíu ben", comentaba nada máis rematar o seu desfile.
Como xa ocorrera en Debut’07 Montoto presentou unha colección inspirada no filme Les enfants terribles, ampliada a dezaseis estilismos para a ocasión. A deseñadora decidiu que todos fosen masculinos porque, segundo explicou, “os mozos encaixan moi ben no concepto deste deseño”. Aínda que se mantivo fiel ao punto que caracteriza as súas propostas, desta vez engadiu “máis texido, camiseta e felpa” ademáis de convertir moitos modelos en dúas pezas, para “facer as prendas máis poñibles, máis comerciais”, explicou.
Madrid Fashion Week abriu esta vez cos novos deseñadores, compañeiros de Marta Montoto nesta andaina. "Aos que estamos aquí por primeira vez nótasenos moito porque vimos con moitísima ilusión", explicou. Aínda non coñece a opinión dos profesionais que acoden a Cibeles sobre a súa proposta "pero as miñas amigas que estaban entre o público dixéronme que a xente lle encantara e preguntaban de quen eran porque querían felicitarme", sinala. E é que, ademáis de familiares e amigos, Marta confesou sentirse "moi arroupada" porque a directora de Esdemga, Lola Dopico e Charo Froján e Alfredo Olmedo, que dirixiron o seu proxecto, viaxaron a Madrid para estar ao seu lado.
Para estar á altura, Marta Montoto pasou as últimas semanas traballando en diversos aspectos do desfile en El Ego. Para esta proba, que a obrigou a madurar profesionalmente de golpe por ser a primeira vez que organiza un pase das súas creacións, contou con todo o apoio dos profesores e colaboradores da escola que a axudaron a seleccionar a música, a maquillaxe dos modelos, a esconografía ou a crear un logo propio.

Un signo do éxito de Esdemga

Co desfile dos deseños de Marta Montoto, os Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia cumpren o terceiro ano consecutivo con presenza na pasarela madrileña. Antes ca ela, Alba Blanco, Amai Rodríguez e Menchu Mora participaron en anteriores edicións da cita. Esta notoriedade nun desfile internacional refrenda a calidade da escola que dirixe Lola Dopico e o alto nivel que acadan os seus alumnos.
A subdirectora da escola, Cristina Varela, confesou que todo o profesorado está fachendoso dos logros dos seus alumnos e sinalou que a visibilidade que están adquirindo en todos os certames nos que participan respaldan o seu traballo e, aínda que esta titulación é de moi recente creación, xa existen críticas que a comparan con escolas tan consolidadas como a de Amberes ou Milán.