DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Masiva afluencia de estudantes á conferencia do director da ACSUG, Julio Abalde

O responsable da Axencia Galega de Calidade para o Sisterma Universitario de Galicia informounos sob

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 06/11/2008
A afluencia masiva á conferencia de Julio Abalde sobre a Calidade da oferta académica no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), puxo de manifesto o enorme interese dos estudantes polo proceso de adaptación que sufrirán nos próximos anos. A adecuación do sistema universitario ás directrices que establece o EEES obriga a Universidade a realizar un enorme esforzo para adaptar, coa maior prontitude, os plans de estudos das titulacións, os métodos de docencia e os servizos ao marco da Declaración de Boloña. Para conseguilo é preciso coñecer os niveis da calidade da oferta académica e as liñas de mellora para os próximos anos e este foi, precisamente, o obxectivo da conferencia do director da Axencia Galega de Calidade para o Sistema Universitario de Galicia , ACSUG, Julio Abalde.
O decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, José Carlos Yáñez, encargado da presentación do relator, xunto con Alberto Vaquero, secretario da facultade, comezou a súa intervención facendo unha introdución sobre a situación actual das titulacións e as modificacións que se van facer na estrutura dos plans universitarios cara a incorporación ao EEES. Esta nova situación vai supoñer que “os títulos universitario serán válidos en todos os países membros da Unión Europea, o que facilitará o desprazamento dos graduados”, puntualizou Yáñez.

As universidades terán maior autonomía

Ata agora a universidade tiña pouco marxe de manobra respecto aos plans de estudos das titulacións que imparten, precisamente este vai a ser un dos aspectos obxecto de modificacións. “Coa adaptación ao EEES as universidades terán máis capacidade de decisión e, polo tanto, máis responsabilidade tanto cos alumnos como coa sociedade en xeral”, comentou Abalde. “Serán as auténticas responsables do seu título”, proseguiu o director da ACSUG. Cada universidade encargarase de realizar o seu plan de estudos, ofertando materias para cada titulación, que posteriormente será avaliado polos organismos competentes, tanto nacionais como autonómicos, que “serán os que dean o visto bo para impartir esa carreira”, puntualizou Abalde. Pero aquí non acaba o proceso, senón que será ao cabo de seis anos cando os técnicos europeos acudan a cada centro para comprobar se efectivamente se cumpriron os obxectivos fixados no plan de estudos, e “da súa aprobación dependerá a acreditación ou non da titulación para que a universidade a poida seguir impartindo”, concluiu Abalde.

A calidade da educación a debate

Desde hai algúns anos existe un debate aberto no seo da universidade sobre a calidade da educación que se imparte, xa que non pode ser que “os alumnos tarden seis ou sete anos de media para rematar unha titulación programada para catro ou cinco”, indicou o decano. A sociedade consciente deste, e outros problemas, no ámbito da educación universitaria esixe maior calidade dos estudos, “queren que a súa inversión en fondos públicos se gaste de xeito eficaz”, proseguiu Yáñez. Por todo isto é necesario implantar un sistema de verificación, no caso de Galicia a ACSUG, que se encargará de comprobar o cumprimento dos compromisos adoptados polas facultades nos seus plans de estudos. Para Abalde, “a calidade non é máis que tratar de facer as cousas cada vez mellor”, por iso é preciso que “cada titulación se fixe uns obxectivos e trate de chegar a eles do xeito máis rápido posible pero sempre cunha mellora continua da calidade”, afirmou o director da ACSUG.