DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra ‘Dieciocho Unos’ estará na Galería Sargadelos ata o 6 de febreiro

O Máster de Arte Contemporánea presenta en público as súas 'dezaoito obras únicas’

Expóñense pezas de arte feitas polo alumnado da materia de Laboratorio de Unicidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 12/01/2011

Dezaoito obras únicas, irrepetibles, irreproducibles. Esta compilación é a que se pode atopar na exposición Dieciocho Unos, organizada ao abeiro da materia Laboratorio de Unicidade que se imparte no Máster de Arte Contemporánea. Creación e Investigación na Facultade de Belas Artes, posto en marcha no presente curso. Unha mostra, coordinada polas docentes da materia, Almudena Fernández e Mónica Ortúzar, que exhibe a creación artística levada a cabo por cada un dos dezaoito alumnos e alumnas matriculados no laboratorio. Podían inspirarse no que quixeran, pero cun requisito, o de “realizar unha obra non reproducible, cerrada”, explicou Almudena Fernández.

Esta idea de unicidade vén marcada pola propia docencia da materia do mestrado, un laboratorio “de carácter multidisciplinar de creación no que cobra relevancia a obra única, non reproducible ou seriada, cuns aspectos de especificidade e concreción”, apuntou unha das organizadoras. Deste xeito o alumnado tivo que realizar “un só exercicio que recollera toda a materia” e decidiuse expor publicamente para que toda a cidadanía en xeral gozara e comprendera a idea de unicidade.

Gran variedade

Como o único requisito para expor en Dieciocho Unos era esa idea de exclusividade, non se deu un criterio común, facendo que cada artista idease unha peza en función do seu proxecto persoal. Así distínguense creacións moi diferenciadas como obras pictóricas, debuxos, instalacións, esculturas, fotografías, pinturas… dando lugar a que sexan “unidades únicas elas mesmas, unha máis unha, máis unha, ata dezaoito”, en palabras de Almudena Fernández.

Así, nun percorrido pola mostra pódese atopar unha paisaxe escultórica, da alumna Carlota Salgado, feita de madeira de tal xeito que se pode contemplar desde dentro e desde fóra. Outra proposta ben diferenciada foi a do artista M8K8 que optou por unha intervención in situ. A partir dunha búsqueda en Google coas palabras clave “estamos como queremos” fixo un mapa de representacións aleatorias. “Cos resultados que me deron as fontes fixen uns debuxos que amosan ese estado”. Outros botaron man da súa mente, como no caso de Natalia Blanco, que representou 42 retratos froito da súa imaxinación, sen tomar ningún referente real, coa dificultade de que cada un fose diferente e tivese a súa personalidade.

Hai quen optou por unha estética máis pop e colorida. É o caso de Marta Bran que representou, baixo o filtro da súa mirada e estado de ánimo, distintos paseos urbanos sen manter a fidelidade do real. Tamén Christian García Bello se inclinou por unha estampa urbana, pero fuxindo do belo, escollendo unha paisaxe dos arrabaldes dunha cidade. Trátase dunha sucesión de debuxos “na que o primeiro está pintado o máis realista posible a partir dunha foto, mentres que a segunda e sucesivas funas tomando dunha acuarela, facendo que o paisaxe se fora desfacendo, idealizando un espazo que é lixo”. Por outra banda a alumna Miriam Cartajena botou man das súas lembranzas empregando fotografías do cotián que modificou e alterou intervindo directamente nelas.

Dieciocho Unos estará aberta ata o vindeiro 6 de febreiro na Galería Sargadelos, na rúa da Oliva número 24. Poderase visitar de luns a venres de 9.30 h a 13.30 h en horario de mañá e de 17.00 h a 20.30 h en horario de tarde. Os sábados redúcese o horario permitindo visitas só pola mañá, de 10.00 h a 13.30 h.