DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa matrícula aberta ata o vindeiro 15 de outubro

O Máster en contaminación industrial ponse en marcha para atender a demanda de profesionais existente neste eido

A formación vai dende os contidos máis técnicos a aspectos xurídicos e administrativos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 02/10/2009

Único en Galicia e en España, o Máster en contaminación industrial: evaluación, prevención y control comeza a súa andaina este curso 2009-2010 na ETS de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo. Ben é certo que existen mestrados similares, con temáticas próximas “pero non esta especificamente”, subliña o seu coordinador Benedicto Soto. O obxectivo principal será formar profesionais na minimización do impacto ambiental da actividade industrial e na xestión de residuos, “un ámbito no que, a día de hoxe, existe moita demanda de profesionais a raíz da crecente lexislación das diferentes administracións”, explica Soto, “polo que se presenta moi atractivo”, asegura.
40 son o número total de prazas ofertadas nestes estudos para profesionais, enxeñeiros e licenciados, e para os cales aínda permanece aberta a matrícula ata o vindeiro día 15 de outubro. Non obstante, as clases xa deron comezo e trala inauguración oficial a pasada semana, este venres continuou cunha conferencia sobre os residuos da industria do aluminio, impartida por Pedro J. Terroba, responsable de Medio Ambiente da empresa Alcoa. Despois dunha pequena presentación da empresa, con sede en San Ciprián (Lugo), Terroba achegoulles ao alumnado cales son os residuos da industria, como se xestionan de maneira eficaz e como se minimiza o seu impacto.

Caracterización de contaminantes, xestión de residuos e procedementos administrativos

O curso, que se desenvolverá durante un ano lectivo, consta de 60 créditos ECTS estruturados en cinco módulos temáticos, prácticas en empresa e proxecto fin de máster. Durante os dez meses de duración, os alumnos afondarán en aspectos como a caracterización e avaliación de residuos e contaminantes, o control e tratamento de residuos e emisións industriais, os aspectos xurídicos e administrativos neste eido e a recuperación de compartimentos do medio afectados polas actividades industriais como o solo e as augas.
“Trátase dun mestrado variado, no cal se mesturan diferentes contidos; a novidade é sen dúbida a formación en aspectos xurídicos e administrativos da contaminación”, subliña Soto. Deste xeito, analizarase o marco normativo e estudarase os procedementos administrativos en materia de tributos e sancións. “A finalidade é formar a xente que sexa capaz de xestionar a actividade industrial ata o punto, por exemplo, de cubrir a documentación necesaria para solicitar unha determinada axuda”, comenta o coordinador.
Durante un período de un ou dous meses os alumnos terán a oportunidade de realizar prácticas nunha empresa, coñecendo máis de preto os labores propios dos departamentos de medio ambiente ou xestión de residuos industriais. Un traballo que logo verase complementado coa presentación do proxecto fin de máster.

Docencia de calidade dirixida a un amplo sector

Esta oferta específica de formación no campo da actividade industrial e o medio ambiente será impartida conxuntamente por profesorado universitario e profesionais e expertos procedentes da administración e do mundo empresarial, vinculados á xestión e ao tratamento de residuos industriais ou á xestión ambiental.
O máster está dirixido a un amplo abano de profesionais, enxeñeiros e licenciados que teñan entre o seu campo de actividades a produción industrial e o medio ambiente. Desta maneira, “abránguese tanto ás carreiras de ciencias clásicas como ás máis técnicas, debido precisamente á diversidade de temas tratados”, explica Soto. Enxeñeiros técnicos e superiores industriais, enxeñeiros de minas, técnicos agrícolas e forestais, licenciados en Química, Bioloxía, Ciencias do Mar ou en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos son algúns dos potencias alumnos deste mestrado.
A pesar de que as clases xa comezaron oficialmente, aqueles interesados aínda están a tempo de matricularse. Deberano facer antes do 15 de outubro na Secretaría da ETS de Enxeñeiros Industriais. Máis información na web, no teléfono 986 818 628 ou no enderezo de correo electrónico posgraotecno@uvigo.es.