DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na primeira edición dos Premios Innova G 2010

O Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa, galardoado polo seu apoio á innovación

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
M. Del Río DUVI 18/10/2010

A xestión empresarial nas economías actuais precisa non só dunha compoñente económica e empresarial senón tamén de innovación e creatividade e das TIC como aposta de futuro. Estas son tres facetas que o Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa tenta fomentar entre o seu estudantado, capacitándoo para darlle un pulo á I+D do tecido empresarial nunha sociedade da información. Por ese motivo, o mestrado vén de ser galardoado como Mellor iniciativa galega de apoio á innovación na I edición dos Premios Innova G 2010.
A súa coordinadora, Nuria Rodríguez, explica que se trata dun programa de posgrao cunha “clara vocación cara a formación de emprendedores como se amosa tanto nos seus contidos como na concesión dun premio ao mellor proxecto empresarial en colaboración con CaixaGalicia e a Vicerreitoría do campus de Ourense”. A concesión deste premio é, en palabras de Rodríguez, “unha enorme satisfacción porque amosa o cumprimento dun dos principais obxectivos do mestrado”.

O mestrado fíxose co premio outorgado polos internautas, mentres que quedou finalista nesta mesma categoría na valoración do xurado. Segundo explica a coordinadora, o galardón valora principalmente o feito de que o “máster actúa de mecanismo de recompilación, incubación e materialización de ideas innovadoras de creación de empresas, favorecendo ademais a súa difusión a través da web”.

57 apostas polas TIC e a sociedade da información

Este certamen celebra este ano a súa primeira edición, promovido por Agestic, Asociación Galega de Empresas TIC e está cofinanciado pola Consellería de Economía e Industria, o Igape e a Unión Europea e conta coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Na súa estrea presentáronse 57 propostas cun nexo común, traballar en ideas empresariais que sintonizan co século XXI que abre novas vías de negocio e emprego a través do desenvolvemento das redes sociais, a difusión a través de internet e os teléfonos móbiles intelixentes entre outros moitos recursos innovadores. Xunto co mestrado, resultaron tamén premiados polos internautas como mellor idea de negocio 2.0, Nova Xestión Cultural, un traballo en rede no eido da cultura; como mellor campaña social media recoñeceuse o traballo da campaña X1euro, de Buscadestinos; o mellor desenvolvemento 2.0 foi Krynea Imperial Wars; a mellor aplicación para dispositivos móbiles foi BLUGUIA, o Camiño de Santiago en GPS; o mellor solución tecnolóxica móbil para a Receita de cómo enviar maxia ó teu móbil ou o mellor desenvolvemento centrado nos cidadáns que foi para recoñecer o traballo da Rede de comunicación Xuvenil Dameuntoke Narón. Outras tantas iniciativas foron tamén galardoadas nos premios outorgadas polo xurado, coincidentes en moitos casos cos outorgados polos internautas.