DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destacados expertos estranxeiros converteranse en profesores de excepción

O máster en Estudos Ingleses Avanzados continúa internacionalizando a súa docencia

Nunha clara aposta dos organizadores pola mobilidade do profesorado

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 06/04/2011

Expertos, investigadores e escritores de prestixio internacional serán para o alumnado do Máster en Estudos Ingleses Avanzados profesores de excepción durante dous meses. Dende mañá xoves e ata maio, dez persoeiros internacionais serán os encargados de impartir un seminario monográfico de especialización en cada un dos dous itinerarios do mestrado: investigación literaria e cultural e investigación en lingua e lingüística.

Tras a positiva experiencia que este iniciativa supuxo para o alumnado o pasado curso, este ano retómase unha idea que, segundo explica a coordinadora do mestrado, Teresa Caneda, “é un empeño persoal de todos os que formamos parte destes estudos por internacionalizalos”.

Estes seminarios fináncianse grazas aos programas de mobilidade do profesorado do Ministerio de Educación e permiten ao alumnado poder achegarse a expertos punteiros nas disciplinas nas que afondan no mestrado. “Poden ter un trato estreito con eles, con xente que coñecen por ter lido os seus traballos, pero poden achegarse a eles e aos seus traballos máis recentes dun xeito máis directo”, explica Caneda, que destaca que se trata de investigadores de prestixio as que sería moi complicado acceder doutro xeito. Entres eles, recalarán en Vigo expertos de Canadá, Islandia, Reino Unido, Portugal, Estados Unidos ou Polonia.

Cinco convidados en cada itinerario

Cada un dos itinerarios do mestrado contará con cinco convidados de diferentes eidos do estudo da lingua e literatura inglesas. Este xoves, a Facultade de Filoloxía e Tradución recibirá ao primeiro deles, Rui Carvalho Homem, catedrático da Universidade de Porto e crítico de relevancia internacional que disertará sobre a escola poética de Irlanda do norte dende 1960 ata o presente. Tras el, e dentro do programa do itinerario de investigación literaria e cultural, pasarán polo centro Andrzej Antoszek, da Jana Pawla University-Lublin, en Polonia, para falar sobre a cultura contemporánea afroamericana, o vindeiro 5 de maio; John McLeod, da University of Leeds, será o convidado o 12 do mesmo mes e afondará nas representación poscoloniais; tras el, o decano e experto literario Astradur Eysteinsson, da University of Iceland, achegará o 19 de maio os seus coñecementos sobre a reconstrución cultural dos lugares. Pechará este ciclo o 2 de xuño, Smaro Kamboureli, da University of Guelph, en Canada, cun seminario sobre diáspora e globalización.

No tocante ao itinerario sobre investigación en lingua e lingüística, os seminario botará a andar o vindeiro 12 abril coa visita de Juan Carlos Acuña Fariña, da Universidade de Santiago de Compostela cun relatorio titulado The processing of agreement. A seguinte cita será o 2 de xuño con Ruslan Mitkov, do Research Institute for Information and Language Processing da University of Wolverhampton. Ao día seguinte o alumnado poderá asistir á clase impartida por Gloria Corpas, da Universidade de Málaga sobre Lingüística con corpus: fundamentos, novos retos e aplicacións. Os días 13 e 14 de xuño o protagonista será John Lachlan Mackenzie, Instituto de Lingüística Teórica e Computacional ILTEC de Lisboa, cunha achega sobre Understanding English grammar from the angle of psycholinguistics and dialogue analysis. Pechará o ciclo cun seminario sobre sobre a estrutura da información e a variación na orden das palabras, Gregory Ward, da Northwestern University, o 22 e 23 de xuño.