DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartido polas Universidades de Vigo e Minho

Un máster formará profesionais capaces de deseñar proxectos comunitarios de calidade na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 24/07/2008

 Preparar profesionais que sexan quen de elaborar, xestionar e asesorar na elaboración de proxectos comunitarios a calquera institución que así o precise, é o obxectivo do Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial que a Universidade de Vigo, en colaboración coa de Minho, impartirá no vindeiro curso académico. “Os coñecementos que se adquiren serven para desenvolver calquera tipo de exercicio profesional vinculado coa Unión Europea, xa sexa en concellos, asociacións transfronteirizas ou organizacións sindicais e empresariais”, tal como explica Luis Domínguez, coordinador do máster que engade que “hai múltiples sectores nos que se intenta conseguir apoio financeiro da comunidade e isto precisa de expertos capaces de conseguir o éxito das candidaturas”.
Nun contexto marcado polo aumento da competencia e o descenso dos recursos económicos da Unión, despois da entrada de novos países, unha boa elaboración da candidatura é clave para ao éxito e o mesmo sucede coa xestión posterior, xa que disto van depender futuras concesións. Tanto Galicia como o Norte de Portugal son dúas rexións de obxectivo converxente, que “se atopan no pelotón de cola das rexións europeas, polo que todo o que signifique aproveitar ao máximo aos recursos comunitarios é un valor engadido fundamental”, apunta Domínguez.

Un máster con carácter internacional

Dirixido a alumnos de calquera titulación, a primeira edición deste máster divídese en tres módulos fundamentais. O primeiro deles, de carácter troncal, será impartido en Vigo e Miño ao mesmo tempo e inclúe materias como o sistema institucional da Unión Europea, a cooperación territorial e as bases estruturais da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, tanto dende o punto de vista social como económico e administrativo. Do mesmo xeito, “afondaremos na normativa da programación comunitaria para o período 2007-2013”, explica o coordinador.
Xa no segundo módulo, de tipo optativo,os alumnos poderán coñecer as políticas comunitarias sectoriais tanto dende as aulas da Facultade de Ciencias Económica se Empresarias de Vigo como dende a Escola de Economía e Gestao de Braga. “En cada unha das universidades haberá suficientes créditos para que os estudantes completen os estudos, pero tamén ofrecemos a posibilidade de combinar clases nos dous países”, segundo palabras de Domínguez, que engade que “non hai que esquecer que se trata dun máster con carácter internacional”.
O módulo, de carácter práctico, inclúe un obradoiro de elaboración de proxectos comunitarios, a realización dun traballo de fin de carreira e un período de practicas en institucións, para o que se teñen firmado convenios coa Asociación de Xoves Empresarios, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, a Confederación Intersindical Galega, a Deputación de Ourense, o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, a Mancomunidade de Concellos de Vigo, os portos de Vigo e Marín, Provigo, e as empresas DEX EUROPA Consultores e DUHMAN Consultores.

Formación complementaria en idiomas

As saídas profesionais que abre este máster obrigan a ter un dominio aceptable da lingua inglesa e coñecer sucintamente algunha máis das comunitarias, polo que a Universidade ofrecerá, en paralelo, unha formación lingüística para aquel alumnado que, inicialmente, non teña as competencias mínimas.
Así, aqueles que o precisen poderán cursar, de xeito gratuíto, os cursos do Centro de linguas para acadar o nivel B2 de inglés e A2 dunha segunda lingua. “Ofrecemos unha oportunidade de aproveitar o máster para, ao mesmo tempo, mellor o nivel de idiomas”, explica o coordinador.

Prazos e docencia

O seu carácter semipresencial, cunha única sesión docente os xoves pola tarde, aporta ao máster gran flexibilidade para adaptarse ás necesidades laborais e profesionais do estudantado, que vai ter on-line o groso da formación.
O prazo para efectuar a preinscrición nestes estudos permanecerá aberto ata o vindeiro 14 de agosto e os documentos deberán entregarse no Servizo de alumnado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. A continuación abrirase un período de matriculación entre o 16 e o 19 de setembro, para dar comezo as clases o 22 do mesmo mes.
Aínda que as vinte prazas que ofrece o máster está abertas a titulados universitarios de calquera ámbito, está previsto un sistema de convalidación dalgúns créditos para o alumnado que proveña de Dereito, Ciencias Políticas ou Relacións Internacionais.