DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A conferencia maxistral correu a cargo de Pierre Ianni, director do centro de Vigo de PAS Peugeot Ci

O Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos gradúa á súa primeira promoción

A través do concepto de "lean manufacturing" animouse aos estudantes a liderar o futuro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 01/07/2010

O lean manufacturing é unha metodoloxía de traballo que ten como obxectivo acadar a maior eficacia co menor gasto acadando o máximo resultado. Esta filosofía industrial presentada por Pierre Ianni, director do centro de Vigo de PAS Peugeot Citröen, foi o fío condutor do acto de graduación da primeira promoción do Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos.

Este concepto foi creado por Toyota hai cincuenta anos, pero empregado por multitude de empresas na actualidade, entre elas o centro de Vigo de PSA, polo que non lle é alleo a ningún dos estudantes do mestrado, que o tiveron como materia de estudo e no seu acto de despedida o puideron coñecer de preto da man de Ianni. Tanto o propio director da planta viguesa como o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o presidente do Club Financiero de Vigo que acolleu o acto, Marcelino Otero, coincidiron na importancia deste tipo de filosofías industriais no momento delicado de crise económica como o que vivimos e animaron aos estudantes e futuros líderes empresariais e industriais a incentivalas.

O reitor felicitou á primeira promoción do mestrado e ao seus profesorado a través dos coordinadores, Xosé Henrique Vázquez e José Manuel García Vázquez, vicerreitor de Economía e Planificación. “Nesta etapa pos-Boloña o máis importante e o obxectivo que nos marcamos é correlacionar o que sabemos co que se necesita e demanda de nós” apuntou Mato que engadiu que este tipo de mestrados “aumenta o valor engadido do talento e axúdanos a penetrar ata a medula na sociedade”. Neste labor agradeceu a colaboración de todos os actores, comezando polo Club Financiero de Vigo, cuxo presidente animou á nova promoción a mellorar sempre “para ser os directivos e líderes do futuro e iso non se pode facer sen formación”.

Máis con menos = mellor

O lean manufacturing aséntase no concepto de eficacia en todos os procesos do negocio, eliminando as actividades que non achegan valor engadido e reducindo os gastos innecesarios. Os beneficios que reporta estano convertendo nun estándar de procedementos operativos en muchas empresas, entre elas PSA Peugeot Citröen. Ianni e o representante do alumnado, Carlos Groba, coincidiron en resaltar que esta metodoloxía achega valor engadido ás empresas e permítelles sobreporse a momentos duros como o que vivimos. Mediante un símil, o alumno explicou que “non se trata de sacarlle moito zume a unha laranxa de mesa”, xa que o rendemento é limitado, “trátase de convertela nunha laranxa de zume”. Este é o fundamento que explicou Pierre Ianni e que nas fábricas de Citröen adopta o nome de SPP, o sistema de produción da compañía. “Temos a metade da superficie coa que contan outras plantas cun volume de produción similar ao noso”, explicou, pero “fomos quen converter un inconveniente nunha vantaxe”, buscando solucións e innovando para poder crecer e aumentar a produtividade.

Este SPP baseado no lean manufacturing achega valor engadido a cada actividade do proceso produtivo pero requiriu un cambio de mentalidade en toda a xerarquía e nos traballadores. Ianni destacou tres principios básico sobre os que se asenta este sistema de produción: “ningún defecto, xusto a tempo e actividade regular”. O primeiro implica control da calidade en todos os procesos, o segundo sincronización e loxística coordinada e o terceiro un volume de produción estable que evite stocks e gastos innecesarios.

O director da planta viguesa incidiu en que non se melloran os resultado “mirándoos cada día porque non son máis que resultados dun proceso” e ao que hai que atender é aos procesos, “que son os que xeran os resultados”. A clave está en innovar e optimizar os recursos “mellorando a calidade, a seguridade, os custes, os prazos e o servizo”.

Tralo seu relatorio, os 30 estudantes da primeira promoción, moitos deles traballadores de algunhas das empresas máis importantes do tecido empresarial de Galicia, recibiron os seus diplomas acreditativos e, como agasallo, un libro de Manuel Antonio.