DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O período de matrícula abrangue do 4 ao 10 de setembro

O Máster en Investigación en Comunicación, pioneiro en España, oferta vinte prazas para a súa primeira edición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 27/07/2009

Facilitar a aprendizaxe de técnicas especializadas en investigación en comunicación e procurar o perfeccionamento profesional dos titulados universitarios son os dous principais obxectivos do Máster en Investigación en Comunicación que comezará a impartirse o vindeiro 21 de setembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O seu programa está orientado, segundo indica a súa coordinadora, Mercedes Román, “á preparación do alumnado para a realización da tese de doutoramento mediante o coñecemento de métodos e técnicas de investigación”.
Este primeiro paso de aplicación do método científico e das técnicas de investigación á realidade comunicativa é o que impón o Espazo Europeo de Educación Superior para aqueles que queiran conseguir o título de doutor. O máster, dun ano de duración e integrado por 60 créditos ECTS, é pioneiro entre os específicos en comunicoloxía adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior e xa conta coa verificación da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (Aneca). De feito, no contexto español só existe outro de perfil investigador no campo da comunicación e conta igualmente con escasa presenza en universidades e institucións europeas.

Profesores de catro áreas

O cadro de profesorado está integrado por “catedráticos de comunicación que nos garanten unha boa ensinanza, con varios sexenios de investigación”, apunta Román. Susana Domínguez, Aurora García, Daniel Martí, Fernando Ramos e Mercedes Román son profesores da Universidade aos que se unen Paul Capriotti, da Universidad Rovira i Virgili; Josep Mª Casasús, Javier Díaz Noci e Jordi Xifra, da Pompeu Fabra; Manuel Martín Algarra, da Universidad de Navarra; Alfonso Méndiz, da Universidad de Málaga e Luis Núñez Ladeveze, da San Pablo CEU de Madrid.
Os estudantes tamén terán a posibilidade de afondar no estado das investigacións en comunicación noutros contextos como o portugués grazas aos profesores Yolanda Espiña e Joao Paulo Meneses, o italiano da man de Daniel Arasa e Jorge Milán, ou estadounidense, representado polo teórico da comunicación McCombs.
Segundo explica Román, “cada un deles atende a algunha das catro áreas que dividen o programa do máster: métodos de investigación en comunicación, investigación en medios dixitais, investigación en medios de comunicación de masas e comunicación institucional”. Deste xeito, os estudantes dispoñerán de referentes de calquera dos campos polos que despois queiran levar a súa carreira investigadora.

Oferta de 20 prazas

Para esta primeira edición, que xa está recibindo solicitudes de información, ofrécense vinte prazas e, aínda que non se impoñen requisitos de admisión, si se habilita un protocolo de selección que terá en conta criterios como os estudos en comunicación dos alumnos, a súa titulación previa, o expediente académico e aspectos globais do seu curriculum vitae. De todas formas, Román insiste en que o máster “tamén é de interese para aquelas persoas que non teñan pensado realizar a tese de doutoramento porque serve de formación para a dedicación profesional”.

Matrícula do 4 ao 10 de setembro

O período de matrícula estará aberto do 4 ao 10 de setembro e poderá realizarse desde a plataforma telemática da Universidade. Contémplase una rede de axudas e bolsas para realizar estes estudos. A consulta das diferentes convocatorias pode facerse aquí.