DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Máster en Nutrición celebra a graduación da súa primeira promoción

26 alumnos, procedentes de varios ámbitos profesionais, recibiron os seus diplomas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 16/06/2009

A primeira promoción do Máster en Nutrición celebrou este martes 16 o acto de clausura do curso. Un total de 26 estudantes, procedentes de campos profesionais diversos como farmacia, medicina, bioloxía ou enfermaría, compartiron aula ao longo deste ano para ampliar os seus coñecementos en nutrición e hoxe recolleron en forma de diploma a merecida recompensa ao seu esforzo.
O acto deu comezo coa benvida por parte do coordinador do máster, Federico Mallo e do profesor da Universidad Carlos Haya de Málaga, Federico J.C-Soriguer Escofet, que foi o encargado de ofrecer a última clase do curso cun relatorio sobre o Significado biolóxico das graxas na nutrición humana.
Previamente á conferencia de Soriguer, Mallo adicou unha palabras aos seus estudantes. “Este curso foi unha experiencia moi positiva e agardo que os alumnos que hoxe concluídes esta andaina o aproveitásedes ao máximo e que teña repercusión na vosa tarefa profesional”. En nome do equipo coordinador do posgrao, Mallo engadiu que “estamos moi satisfeitos de que este proxecto docente se puxese en marcha, xa que é o primeiro máster en nutrición de Galicia”. Así mesmo, asumiu os erros e complicacións que xurdiron ao longo do curso, algo habitual en todos os comezos, “pero en conxunto a valoración é boa e trataremos de mellorar para o próximo ano”.
Os estudantes, pola súa banda, estaban moi contentos co desenvolvemento do curso, “aprendemos moitas cousas, no seu momento o tema da nutrición foi unha moda e é unha formación moi demandada, polo menos no ámbito da farmacia do que eu procedo”, comentou Fernando Rey, un dos alumnos. No tocante ao desenvolvemento do máster, apuntou que “hai bastante teoría, un repaso importante e moi bo á hora da receita de medicamentos; agora temos un período de prácticas onde os coñecementos son aplicados”.

O papel das graxas

Soriguer foi o encargado de pechar o curso académico do máster ofrecendo un relatorio sobre o papel das graxas na nutrición humana. “Un tema no que me sinto moi cómodo porque levo toda a vida traballando sobre estas cuestións, especialmente sobre o aceite de oliva”. A relación entre dieta e saúde é algo moi estudado e establecido hoxe en día, pero non é tan moderno como se pensa, diferentes estudos ao longo do tempo analizaron o papel dos ácidos graxos na dieta e a súa asociación co risco de padecer enfermidades cardiovasculares e sobre o seu efecto na prevención da diabete tipo 2. Como resumo de todas estas investigacións, Soriguer indicou que “a evidencia conxunta dos estudos metabólicos, epidemiolóxicos e de intervención suxiren que o consumo de graxas saturadas na dieta e de graxas trans pode diminuír a mortaldade por enfermidades cardiovasculares”. Con respecto á diabete, “a inclusión de graxas saturadas, monosaturadas e polisaturadas reducen o risco de padecer esta enfermidade”.
Para Soriguer un dos principais paradoxos do noso tempo é a alimentación. “No mundo existen case tantas persoas obesas, como xente que morre de fame”. Algúns autores culpan ás graxas deste problema, sen embargo, estudos demostran que o número de persoas obesas segue aumentando ano a ano aínda que diminúa o consumo de graxas. Como exemplo do feito contrario, “Francia é un dos países onde máis ácidos graxos se consumen, especialmente manteiga e é un dos que ten menor taxa de mortaldade por enfermidades cardiovasculares”.
Un dos puntos fortes do seu relatorio foi a aposta polo aceite de oliva, “a única graxa da que aínda non se puideron demostrar efectos adversos”. Sen embargo, apuntou que “non todo depende do tipo de graxa que se empregue senón de como se cociñe”, polo que non todo é o que parece a primeira vista e son moitos os factores que inflúen na dieta. Soriguer rematou o relatorio citando a Margaret Mead, que dixo que “é máis doado cambiar de relixión que de hábitos alimentarios”.