DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Única titulación regrada sobre este ámbito científico de Galicia

O Máster en Nutrición supera as expectativas de matrícula na súa segunda edición

34 estudantes comezaron a súa formación especializada en nutrición

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Duvi DUVI 13/10/2009

Estreitos vínculos relacionan alimentación e saúde, algo que xustifica o crecente interese que existe polas ciencias da nutrición. Neste sentido, o Master en Nutrición da Universidade de Vigo, única titulación regrada neste ámbito científico en Galicia, proporciona aos seus alumnos formación académica sobre estes aspectos contemplando os efectos que a nutrición ten no estado de saúde e na prevención e tratamento de enfermidades.
Tras o éxito do ano pasado cun total de 24 alumnos, o mestrado comezou este curso a súa segunda edición superando as expectativas de matrícula previstas. “Temos 34 estudantes matriculados, aínda que o límite estaba en 30, o cal supón que non o fixemos mal”, afirma Federico Mallo, coordinador do mestrado. Para o coordinador era de agardar o éxito de demanda do mestrado, xa que “sabíamos dende un principio que o ámbito no que se desenvolve esta titulación é un campo novo, interesante e moi atractivo, ademais é o único de Galicia”.
Na opinión de Mallo, unha das claves do éxito do mestrado “é que está orientado á parte clínica e médica da nutrición e iso supón que se acheguen moitos titulados dos ámbitos de ciencias da saúde, sobre todo de enfermaría e tamén de farmacia”.
No tocante ás saídas laborais que oferta esta titulación, o coordinador sinalou que “o camiño faise andando e como estamos nun sistema novo é moi difícil preveer ata onde vai a chegar cada un dos titulados”. O que si está claro “é que hai un oco no mercado de traballo por cubrir que esixe formación en nutrición”.

Todo sobre a intervención nutricional

Esta titulación está enfocada á intervención nutricional en grandes colectivos ou incluso a súa aplicación nas patoloxías máis frecuentes: obesidade e trastorno da conduta alimentaria. O mestrado oriéntase especialmente a profesionais que poidan levar a cabo a súa tarefa en colectividades, “en colexios, comedores públicos, centros de asistencia á terceira idade... aí é onde fai máis énfase o mestrado”.
En primeiro lugar, impártese unha formación xeral-contextual na que se explican temas da contorna da nutrición pero que son moi importantes para entendela como endocrinoloxía ou metabolismo. Será nestes aspectos onde logo “se vai a atopar a maior parte da patoloxía na que a intervención nutricional é máis interesante e efectiva”, sinala Mallo. O segundo módulo de nutrición está orientado a aspectos tipicamente resolutivos como a elaboración de dietas, valoración nutricional, tratamentos e consideracións de patoloxías.

Especialistas e profesionais en nutrición

No tocante á docencia, o mestrado contará coa participación de profesores tanto da Universidade de Vigo como de fóra e con diversos profesionais do ámbito das ciencias da saúde. “Colaborarán con nós os que consideramos bos especialistas doutras universidades de Madrid, de Valladolid, de Málaga e de Navarra”, indicou Mallo. En total serán cinco especialistas nos campos da nutrición, que van dende os estudos epidemiolóxicos con lípidos do profesor Federico J.C-Soriguer da Universidade de Málaga, ata un dos mellores especialistas de Europa en exercicio e nutrición como é Rafael Ibáñez da Universidade de Pamplona. Ademais o mestrado conta con profesorado dos hospitais da contorna, concretamente, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, así como do servizo de endocrinoloxía e nutrición do complexo hospitalario Cristal Piñor de Ourense.

A tecnoloxía ao servizo da docencia

A dinámica docente deste mestrado aprovéitase das vantaxes que ofertan as novas tecnoloxías, empregando no seu día a día a videoconferencia para o desenvolvemento das clases. “Temos dous campos de impartición da docencia e para evitar desprazamentos, de profesores e alumnos, empregamos a tecnoloxía da videoconferencia, na que a Universidade de Vigo é pioneira a nivel nacional e internacional”. Deste xeito, os alumnos poderán recibir a docencia, tanto no campus vigués como no ourensán, a través das salas de Accesgrid. Ademais todas as videoconferencias son grabadas, así que se algún estudante perde unha clase pode visionala despois na súa casa.