DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa colaboración de CEAGA, CTAG e PSA

Un máster ofrece formación específica para profesionais da industria do automóbil

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 01/08/2008

Froito da colaboración entre o Clúster de Empresas da Automoción de Galicia, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o grupo PSA Peugeot Citröen e a propia Universidade, xurde a primeira edición do Máster en Tecnoloxías e procesos na industria do automóbil en Galicia. “O sector precisa dunha canteira de persoal formado nas disciplinas específicas da automoción e a Universidade estaba moi interesada en desenvolver este tipo de título”, tal como explica Marcos López, coordinador dos estudos e profesor do departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos.
Ata agora non existía unha titulación que cubrise de forma total as necesidades do sector, polo que este máster pretende centrarse nas materias que máis vai precisar o futuro traballador, é dicir, “vai aportar formación específica en termos de automoción”, apunta López.

Dúas especialidades: tecnoloxías e procesos

A metodoloxía para desenvolver as capacidades dos alumnos basearase nunha formación que abrangue tanto coñecementos teóricos como habilidades prácticas. “Queremos garantir un contacto moi directo coa industria, polo que haberá visitas enfocadas aos temas que se desenvolven nas aulas e incluso teremos moitas materias prácticas que se desenvolven in-situ na factoría de PSA”, segundo palabras do coordinador.
O máster consta dun módulo común, que condensa todas as nocións que debe ter un directivo ou unha persoa que aspire a ostentar un cargo de responsabilidade nunha empresa de automoción, e dous módulos de especialización.
Tecnoloxías na industria do automóbil e procesos son as dúas especialidades dispoñibles. A primeira está enfocada ao desenvolvemento, á investigación e ao deseño de pezas e compoñentes de automoción, para o que aporta coñecementos específicos sobre sistemas de dinámica vehicular, sistemas monopropulsores e sistemas eléctricos e electrónicos.
O módulo de procesos céntrase fundamentalmente “na estampación e a ferraxe, que é a unión da chapa”, tal como explica López, que engade que “todos os alumnos, independentemente da especialidade pola que opten, terán que desenvolver un proxecto de fin de máster”.

Información práctica

Impartido na ETS de Enxeñeiros Industriais, o máster terá unha duración de dez meses, posto que a docencia dará comezo o vindeiro 24 de setembro e rematará o 24 de xullo do próximo ano. As clases presenciais impartiranse os xoves e venres de catro a nove da noite e os sábados de nove da mañá a dúas da tarde.
Os aspirantes seleccionados para cursar os estudos terán que aboar unha matrícula entorno aos 1700 euros.

Máis información: http://webs.uvigo.es/masterautom/