DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aborda cuestións que van da psicoloxía, a economía, a bioética ou o dereito

Un máster pioneiro en Galicia dá aos enfermeiros a posibilidade de seguir formándose

O prazo de preinscrición estará aberto ata o vindeiro 27 de xuño

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 09/06/2008

Tras o éxito acadado na primeira edición, en setembro a Universidade porá en marcha un novo curso do Máster en Ciencias da Enfermaría que dá resposta á necesidade de formación complementaria dos diplomados nesta titulación e atende á vontade de moitos enfermeiros de continuar cos seus estudos.
Con 50 alumnos na primeira edición, o obxectivo é seguir ensinando aos enfermeiros mediante a formación en disciplinas universitarias que non son desenvolvidas exhaustivamente nin na súa formación académica nin na súa actividade profesional. Falamos de contidos moi variados, desde psicoloxía, economía, bioética ou dereito. “Cousas que teñen que ver coa profesión pero que non son estritamente enfermaría. A idea é darlle unha formación complementaria aos enfermeiros para que poidan ter uns coñecementos máis amplos á hora de exercer”, comenta Javier Rodríguez Berrocal, profesor da Facultade de Bioloxía e coordinador do máster.
Xurdido da propia demanda dos diplomados en enfermaría, estes estudos cumpren tamén unha dobre finalidade: dunha banda, os 66 créditos do máster permitirán a convalidación da diplomatura polos futuros títulos de grado e, da outra, facilitará o acceso a futuros programas oficiais de posgrao e programas de doutoramento dos actuais diplomados.

O programa dá unha visión global da relación paciente-enfermeiro

20 módulos teóricos, cun total de 60 créditos e un módulo práctico de seis, conforman o programa do máster. Con temáticas moi variadas e diversas, cada un dos módulos concíbese de maneira independente dos demais. O obxectivo é abordar o ámbito da enfermaría desde múltiples puntos de vista, completamente diferentes entre si, para ter unha panorámica máis completa da profesión.
“Trátase de dar unha visión global do que é a relación entre o enfermeiro e o paciente. A xente sorpréndese de todo o que rodea a profesión, temas nos que non están formados porque a carreira está máis orientada á parte clínica”, explica Rodríguez Berrocal.
Para lograr estes obxectivos o máster conta cun equipo de profesores tan variado como o programa. Un tercio médicos do Sergas, outro tercio enfermeiros e o restantes profesores da Universidade que non son nin médicos nin enfermeiros, “e aí temos desde enxeñeiros de telecomunicación a profesores de dereito ou economistas, por citar algún exemplo”, salienta o coordinador.
Aplicación das TIC no ámbito da xestión da asistencia sanitaria e na atención ao paciente; alimentación, dietética e nutrición como fonte de saúde; estatística aplicada á ciencia e coidados da saúde ou aspectos psicolóxicos da atención ao paciente en enfermaría son algúns dos temas que se abarcarán ao longo do curso.
Se ben a maior parte das clases teñen lugar no Edificio de Ciencias Experimentais, hai módulos que teñen actividades prácticas que se desenvolven no hospital

Profesionais en activo, o groso do alumnado

O feito de que as clases se desenvolvan na fin de semana facilita a asistencia de profesionais que xa están traballando. Na primeira edición o perfil dos matriculados correspondeuse con xente nova entre os 25 e os 40 anos que queren ampliar a súa formación para poder optar a prazas no administración pública ou lograr un currículo máis competitivo. Segundo Berrocal, “case todos están traballando pero non na administración pública, senón na sanidade privada”.
O prezo da matrícula para a 2ª edición, que se iniciará o vindeiro 11 de setembro, é de 1.800 euros, fraccionables en tres prazos, se ben algúns alumnos poderán beneficiarse de bolsas propias que teñen por obxecto financiar parcialmente a matrícula. Neste senso na primeira edición concedéronse sete bolsas de 525 euros cada unha.
A preinscrición no máster estará aberta ata o vindeiro 27 de xuño e pode facerse on line na web do Máster en Ciencias da Enfermaría.