DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Máster en tecnoloxías e procesos na industria da automoción comeza a súa 2ª edición co obxectivo de converterse nunha referencia nacional

Na primeira xornada interviñeron directivos do CTAG, CEAGA e PSA Peugeot-Citroën

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 24/09/2009

Da man dos principais axentes do sector do automóbil, a Universidade de Vigo vén de poñer en marcha a segunda edición do Máster en tecnoloxías e procesos na industria da automoción. O acto de apertura, que se celebrou este xoves, contou coa presenza dos representantes das entidades colaboradoras, o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia, CEAGA; o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG e PSA Peugeot-Citroën.
Na benvida aos novos estudantes, o vicerreitor de Planificación, José Cidrás, destacou a estreita colaboración entre as tres entidades e a Universidade “o que nos permite ofrecer un master equilibrado, coa docencia tanto de man de profesores como de profesionais de recoñecido prestixio, respondendo ás necesidades reais do sector”. Neste sentido, o vicerreitor recoñeceu a aposta clara tanto do CTAG como de CEAGA e de PSA Peugeot-Citroën, por estes estudos de posgrao “cos que colaboran incluso nun momento de crise no hai que recortar gastos”. E é que este mestrado pretende formar “tanto aos novos titulados”, como explicou o seu coordinador, Santiago Cereijo, como reciclar a formación dos profesionais deste campo, respondendo así ás demandas dun sector crucial para Galicia, “porque falar do automóbil é falar de Vigo”, puntualizou Cidrás. Esta simbiose atópase reflectida no máster, para o que o centro de Vigo de PSA Peugeot-Citroën cedeu un coche “co que poderedes traballar nas vosas prácticas e que situaremos nos laboratorios da ETS de Enxeñeiros Industriais”, centro no que imparte a docencia destes estudos.

O ano da consolidación

Despois da estrea no pasado curso académico deste Máster en tecnoloxías e procesos na industria da automoción, o vicerreitor de Planificación amosou a súa confianza en que esta segunda edición sirva “para consolidar estes estudos de posgrao a nivel nacional, porque en Galicia xa é unha referencia”.
O obxectivo é a formación de técnicos de nivel superior no sector da automoción, un dos principais motores da economía galega e no que a área metropolitana de Vigo ten un indubidable peso específico. Por ese motivo, neste mestrado están representados tanto o sector produtivo, como o da I+D+i, os empresarios e a Universidade.
O mestrado consta de 60 créditos que se impartirán ao longo dun curso académico para o que a organización agarda completar todas as prazas, xa que a matrícula permanecerá aberta ata o vindeiro 15 de outubro. Segundo apuntou na presentación do programa aos alumnos o seu coordinador, “consta dun módulo común e de dúas especialidades, unha centrada na tecnoloxía, é dicir no propio produto, e outra no proceso, na produción do mesmo”. Isto derívase do feito de que o da automoción é un sector de enorme complexidade e suxeito a cambios e innovacións tecnolóxica vertixinosas, polo que precisa de profesionais cunha formación multidisciplinar e de alto nivel.

Os primeiros relatorios

Esta primeira xornada, ademais da benvida, serviu tamén de primeira toma de contacto co sector. Pedro Piñeiro, director de Servicios Técnicos do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia e, ata este verán directivo da planta viguesa de Citroën, foi o encargado da primeira intervención da xornada. Dun xeito distendido quixo facer un achegamento aos estudantes, “coñecernos, presentarnos e falar das nosas expectativas a través dunhas pequenas entrevistas por parellas”. Posteriormente, os asistentes, boa parte deles novos titulados aínda que cunha importante representación de traballadores de Citroën, tiveron a oportunidade de asistir á conferencia de Sergio Daniel Faraudo, director de Recursos Humanos de PSA Peugeot Citroën-Vigo, que afondou nos Retos de futuro de PSA Peugeot Citroën. De seguido, Alberto Cominges, xerente de CEAGA, achegounos ao Clúster de empresas de automoción de Galicia e puxo o peche Francisco Sánchez, director de Innovación do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, cunha conferencia titulada El Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia. Motivación y objetivos.