DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O día 26 de marzo gradúase a segunda promoción

O máster de turismo implícase nun proxecto iberoamericano para impulsar o sector

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 17/03/2009

O Máster en Dirección e Planificación do Turismo formará parte da Rede Iberoamericana de Turismo que se está a crear en Palma de Mallorca esta mesma semana; unha agrupación de carácter multidisciplinar que será empregada como un espazo de intercambio entre os seus integrantes para compartir experiencias, información e presentar proxectos educativos e de investigación conxuntos.
Nesta rede terán cabida “non só expertos académicos na materia, senón tamén empresas, institucións, universidades, gobernos e outras entidades implicadas no turismo como asociacións profesionais ou ONGs”, explicou José Antonio Fraiz, coordinador do máster.
Esta agrupación nace con varios obxectivos, entre eles “lograr unha comunicación fluída entre todas aquelas persoas e institucións que traballan no turismo”, de xeito que a través desta colaboración se poidan mellorar os modelos de formación educativa e aumentar a investigación coa empresa. “Estas relacións ademais favorecerán a mobilidade e a incorporación ao mercado laboral daquelas persoas que están a estudar”, precisou Fraiz.
Para esta rede o turismo é un fenómeno multidisciplinar que vai dende a xestión turística a todos aqueles campos relacionados como a lexislación, a arquitectura, o ocio ou o desenvolvemento rexional, entre outros. Por iso “o ideal é que participen todos aqueles elementos implicados, xa que é moi difícil desenvolver grandes proxectos de xeito unilateral”.
Actualmente o máster “tamén forma parte da Rede Intur, composta polas universidades españolas que están a ofertar esta titulación ou que pretenden ofertala”, indicou Fraiz. Están presentes neste espazo 15 universidades que se reúnen de xeito periódico para debater sobre os planos de estudos, a implantación dos graos e o que supón para o máster a adaptación ao EEES.

A segunda promoción do máster

Unha nova xeración de expertos en dirección e planificación do turismo estará na rúa cando finalice o curso en xuño. Nos próximos días a segunda promoción de alumnos do máster, un total de 15 estudantes, vivirá o seu momento de protagonismo no acto de graduación. Esta celebración terá lugar o xoves 26 de marzo a partir das 19.00 horas e estará presidida polo reitor da Universidade, Alberto Gago. A ocasión será aproveitada tamén para presentar un libro froito do traballo dos alumnos da primeira promoción “elaborado a partir dos proxectos fin de titulación e que trata o desenvolvemento do turismo dende o punto de vista dos estudantes do posgrao”, comentou Fraiz.

A crise no turismo

O mundo do turismo non ía ser unha excepción, por iso tamén se ve afectado pola crise económica que estamos a sufrir. Algúns dos destinos españois están notando as primeiras complicacións co descenso do número de visitantes. En épocas como esta “a clave é a innovación, xerar novos produtos turísticos e establecer estratexias de promoción baixando os prezos”, explicou Fraiz, todo isto para lograr motivar aos potenciais turistas. Ademais é preciso que “os profesionais se reciclen e amplíen a súa formación para mellorar a calidade dos servizos”.
A preocupación pola situación actual chega aos alumnos do máster, aínda que as súas expectativas de cara ao futuro “son elevadas porque teñen moi boa formación”. Sen embargo, ás veces o máis importante non son os coñecementos senón “a capacidade de cada persoa para venderse”, por iso dende o máster tamén tratan de motivar aos alumnos e de mellorar as súas habilidades comunicativas para que saiban como enfrontarse, por exemplo, a unha entrevista de traballo.