DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible pon a súa ollada en Iberoamérica

Avalado polo éxito da primeira edición, buscará captar alumnos entre os mellores expedientes destes

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 11/05/2009

Na procura da excelencia e avalado polo éxito da primeira edición, o Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible tratará de contar entre os seus 25 estudantes cos mellores expedientes e traxectorias profesionais tanto a nivel nacional como internacional. Por ese motivo, segundo explicou o coordinador do mestrado, Xavier Labandeira, “este ano tivemos un nivel moi alto entre os docentes e tamén entre os matriculados, pero un dos nosos obxectivos é abrirnos ao mercado sudamericano, porque pola calidade do noso produto podemos competir e compararnos cos mestrados de primeiro nivel nacional, tanto públicos como privados”.
Segundo subliñou a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo, na presentación da segunda edición do master, “a apertura a Iberoamérica é un dos obxectivos estratéxicos da Universidade, con bolsas e axudas como estímulos para achegarnos a un novo mercado máis amplo”. Para isto, o MXDS desenvolverá un programa propio de bolsas “ao que dedicaramos parte dos nosos recursos”, explica Labandeira, que incluirá axudas para a matrícula e axudas completas, que engloben matrícula e manutención.
Coa implantación do EEES, o catálogo do mestrados que ofrecen as universidades multiplícase e ante este ampla oferta “debemos responder coa demanda de fóra do país” conxuntamente con alumnos propios e con profesionais que queiran actualizar e completar a súa formación. Trátase de competir non só coas institucións públicas, senón tamén coas privadas, “xa que o noso mestrado é competitivo a nivel internacional cun prezo público e cunha docencia á altura de estudos como os ofrecidos, por exemplo, pola Universidad Pontificia de Comillas”, apuntou o coordinador. Segundo a vicerreitora, dende a universidade pública “tratamos de ofrecer un plan formativo de alta calidade onde participen os mellores docentes e os mellores alumnos”.
Con 20 alumnos na primeira edición que se atopan agora nun período obrigatorio de prácticas, a valoración da organización é moi positiva, “estamos moi satisfeitos, cubrimos as nosas espectativas e a avaliación dos alumnos foi moi alta para todos os módulos que se impartiron”. Por outra banda, Labandeira quixo destacar tamén o alto nivel do profesorado, composto nun 40% de docentes e no 60% de reputados profesionais. “Unha parte do noso éxito depende da colaboración co sector empresarial e coas administracións públicas”, tanto para o financiamento, como para as prácticas dos estudantes e para a docencia, “xa que tentamos fuxir de endogamia contando con profesores doutras universidades e con moi bos especialistas nestas materias, na procura sempre da excelencia”. Neste sentido, entre os colaboradores do MXDS están a Xunta de Galicia, Iberdrola, Alcoa, Coren, Tragsa, Sogama ou a CEP, entre outros.

Un mestrado profesionalizante e multidisciplinar

O Master Xestión do Desenvolvemento Sostible xurde como iniciativa do grupo de investigación REDE “para expandir o coñecemento á sociedade e co obxectivo de cubrir un buraco no mercado laboral que demandaba profesionais que non existían” con formación tecnolóxica, empresarial e científica no eido da xestión ambiental e enerxética. A ampliación da lexislación neste campo enfronta ás empresas a desafíos ambientais que precisan da xestión do profesionais multidisciplinares. Por este motivo, a matrícula do mestrado, que se abrirá no mes de setembro, abrangue a titulados e profesionais de todos os ámbitos, dende as enxeñarías, a bioloxía ou as ciencias do mar ata o dereito ou a economía.
En total son 60 créditos ECTS divididos en 41 de docencia e 19 de prácticas cun marcado carácter profesionalizante. Como novidade, segundo apuntou o coordinador, “este ano as clases presenciais pasan de ser cinco días á semana a ser tres, o que axudará a compatibilizar os horarios dos matriculados que se atopen traballando”. A docencia dividirase en sete módulos, de setembro a abril e deixará paso a dous meses de prácticas en empresas. “Os dous primeiros módulos son xerais e introdutorios, mentres que os restantes poñen especial énfase na especialización” en temas como a avaliación ambiental de proxectos, a responsabilidade social corporativa ou a xestión ambiental na empresa. Paralelamente, organizaranse actividades complementarias como visitas a empresas ou seminarios “que agardamos que estean abertas a toda a sociedade e poidan atraer, pola actualidade dos temas, ao público en xeral” cumprindo así cun dos obxectivos iniciais cos que se puxo en marcha este mestrado.