DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 25 prazas, o prazo de inscrición está aberto ata o 7 de setembro

O Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible segue sumando apoios das principais empresas do sector

Valora Consultores financiará parte do mestrado e colaborará na docencia e nas prácticas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 01/09/2010

O Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible segue sumando apoios e facendo visible que empresas de primeiro nivel neste campo están a buscar que os seus cadros de persoal se formen nestas temáticas. Nesta liña unha das principais empresas galegas no ámbito da sostenibilidade, responsabilidade social e innovación, Valora Consultores, formalizou esta mañá un acordo de colaboración polo que se compromete a realizar unha achega anual que cubrirá unha parte importante dos custes do mestrado, así como a participar nas actividades formativas e nas prácticas.

Nun intre difícil para as empresas e para a economía en xeral “unha aposta deste tipo é algo moi salientable e de agradecer, ademais de ser moi indicativo do elevado interese que ten este tipo de formación para as empresas”, salientou o reitor, Salustiano Mato, na formalización do acordo na que estivo acompañado polo director da empresa, Senén Ferreiro, que manifestou o seu desexo de que este sexa o inicio dun marco de colaboración “amplo e frutífero”, e do coordinador do mestrado, o catedrático de Economía Aplicada, Xavier Labandeira, que manifestou a súa unha satisfacción “porque unha empresa deste calado aposte por estes temas”.

Unha empresa líder que valora o programa e perfil “real” do máster

A colaboración da empresa co mestrado irá máis alá da achega económica, cualificada polo director do máster como “moi relevante”, e terá tamén un papel destacado de apoio ao equipo de profesorado sobre os contidos a impartir, “incluso pondo algún profesor nalgunha materia na que poida achegar máis valor engadido”, salientaba Labandeira, que tamén lembrou a posibilidade de poder contar coa consultora para seguir ampliando a oferta de empresas de “primeira liña nas que fan prácticas os nosos alumnos”.

Pola súa banda, o director de Valora Consultora, á que o reitor se referiu como “un dos axentes privados con maior e mellores perfís nestes temas”, subliñou o interese dun programa no que se combina enerxía, sustentabilidade e innovación, “a nosa liña de traballo real, mentres que no resto da oferta de posgraos relacionados con estas temáticas as formulacións son moito máis parciais”.

Docencia individualizada e prácticas titorizadas

Cunha docencia moi individualizada e especializada e prácticas titorizadas, o máster limita o seu número de alumnos a un máximo de 25, polo que dende a organización lembraron a necesidade de que os interesados se matriculen cando antes, se ben o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro día 7 de setembro.

Este mestrado, que xa vai pola terceira edición, pretende responder á demanda de profesionais polivalentes formados técnica e intelectualmente no desenvolvemento sostible e a responsabilidade social corporativa. A oportunidade de realizar prácticas en empresas colaboradoras da entidade de Iberdrola, Alcoa, Tragsa, Sogama, etc así como o plantel de profesorado tanto académico como profesional de recoñecida experiencia fai deste mestrado unha oportunidade tanto para especialización dos licenciados como de reciclaxe para os profesionais.