DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa entrega de diplomas a unha vintena de estudantes

O Máster en Xestión e Dirección Financeira de Empresas baixa o pano da cuarta edición

O secretario xeral de Universidades participou na entrega de títulos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/10/2009
O Máster en Xestión e Dirección Financeira de Empresas segue a sumar titulados, en especial, entre os licenciados en LADE e diplomados en empresariais, aínda que tamén entre os licenciados en Dereito Económico, Economía e Enxeñaría. Coa chegada ao seu fin da cuarta edición unha vintena de novos diplomados pasan a engrosar a lista de titulados deste máster organizado polo Departamento de Economía Financeira e Contabilidade e dirixido polos profesores Pilar Cibrán e Cecilio Huarte. No acto de clausura celebrado esta tarde no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e que contou coa presenza do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díaz de Castro; o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area; o decano da Facultade, Santiago Gómez Fraiz e a directora do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, Irene Garrido, o alumnado da cuarta edición de mestrado recibiu os diplomas acreditativos, así como as licencias Operador&Clearing de Mercado de Opcións e Futuros no caso do estudantado que realizou o pertinente exame.

Parabéns e agradecementos

A directora do mestrado, Pilar Cibrán, foi a primeira en tomar a palabra para agradecer a confianza depositada polo alumnado no título que asegurou "ten gran aceptación como demostra que xa se está a impartir a quinta edición". Cibrán que lembrou o estudantado cursou 260 horas lectivas, ás que suman as investidas no proxecto, asegurou que os coñecementos impartidos no mestrado comprobouse que son de grande utilidade "porque son necesarias persoas formadas en finanzas".
Irene Garrido ademais de agradecer e recoñecer o traballo das persoas vinculadas ao título e sinalou ao estudantado como "o verdadeiro artífice do éxito do mestrado" sobre o que dixo "espero que se axustase ás vosas expectativas". Pola súa banda o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, desexou sorte ao alumnado que logrou a súa graduación que dixo "sempre é un motivo de satisfacción".
Satisfeito, aínda que de regresar á Universidade de Vigo, onde comezou a impartir clase en 1984, asegurou sentirse José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades, que destacou a filosofía de formación dun mestrado "que se adiantou ao seu tempo, habida conta de que a especialización do coñecemento hai anos non era habitual". Diez de Castro que felicitou ao alumnado e á Universidade de Vigo por ter un título destas características na súa oferta, finalizou a súa intervención destacando a importancia das empresas como xeradoras de riqueza e "sen as que a roda da economía para".
Pola súa banda o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, trasladoulle os seus parabéns aos titulados dun posgrao que "xorde nun momento marcado pola desaceleración económica coa finalidade de favorecer a consolidación dun sector empresarial vital para as economías galega e mundial". Area que loubou o papel desenvolvido polo corpo docente que participou na formación do estudantado destacou a preocupación do equipo de goberno da Universidade por configurar mestrados innovadores e que dean resposta ás demandas do entorno. "A pesar das dificultades, cada vez máis presentes polos recortes orzamentarios, o respaldo do equipo de goberno da Universidade está garantido en aqueles mestrados que destaquen polo seu compoñente innovador", asegurou Area que foi o encargado de pechar o acto antes de que dese comezo a entrega dos diplomas ao alumnado do mestrado.