DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado dos graos en Educación Infantil e Primaria organiza un curso para mellorar as súas competen

As matemáticas, con creatividade, entran

A decana Francisca Fariña destacou o compromiso do estudantado coa formación académica do centro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 21/09/2012

Na escola, quen non se preguntou algunha vez para que lle serviría na vida aprender o número pi ou a fórmula da área do círculo? Para evitar que nun futuro os máis pequenos se formulen estas cuestións nas súas aulas, un grupo de alumnas do Grao de Educación Primaria organiza un curso complementario no que coñecer diversas técnicas para impartir as matemáticas dun xeito creativo. O obradoiro botou a andar este venres da man da experta Marisé Pérez Mariño que durante varias sesións axudaralles “a saír dos canons dos libros” e a comprobar que é unha materia “aplicable á realidade de forma sinxela e produtiva”.

Co apoio da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e da profesora María Mercedes Lires, varias estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte decidiron mellorar as súas competencias no ensino das matemáticas “porque con diferenza é a materia máis abstracta e a máis difícil de impartir aos nenos e nenas”, sinalaron, achegándose a metodoloxías de traballo innovadoras "totalmente aplicables nas aulas". A súa decana, Francisca Fariña, quíxolles agradecer publicamente o compromiso que manifestan por enriquecer a oferta académica da facultade “demostrando ademais que as matemáticas tamén son un ámbito de mulleres no que temos moito que dicir e facer”, engadiu.

Relación entre o abstracto e o concreto

As matemáticas “son complicadas ata para quen as ten que ensinar”, comentaron algunhas das asistentes ao curso, pero esta dificultade ten a súa xustificación. Segundo explica a profesora e experta Pérez Mariño, “esta ciencia non está concretizada, estudamos números, teoremas sen recorrer a elementos tanxibles dos que os cativos si teñen experiencias”. Por tanto, o reto reside en converter o abstracto en concreto “porque hai que ter en conta ademais que os nenos e nenas non desenvolven a capacidade de abstracción ata os 14 anos o que aínda dificulta máis o proceso”. Así, a docente recomenda relacionar as matemáticas coa realidade máis próxima “para facer servible o que traballamos teoricamente”.

Cun exercicio práctico, Pérez Mariño “abriulles os ollos” rapidamente ás alumnas do grao. Mandounas colocar en tres filas segundo a cor da súa camiseta formando un diagrama de barras. “Dunha forma sinxela coñécese cal é a utilidade da gráfica, que achega uns datos de organización inmediata dunha determinada información”, explicou.

O método por proxectos

O obradoiro, de 40 horas de duración, tamén contempla outra parte práctica, máis centrada en como enfrontar a metodoloxía de aprendizaxe. O alumnado mostrou interese por afondar no método por proxectos, un procedemento que bebe do socioconstrutivismo e que parte das inquedanzas do cativo. “Nesta metodoloxía, o neno é quen investiga, quen formula e responde as preguntas formuladas. Elabora a súa propia aprendizaxe e integra todo un conxunto de elementos que doutro xeito se darían fragmentados”, subliñou a profesora Lires que ademais aclara que é o método máis idóneo para que o alumno de infantil e primaria adquira as competencias básicas “xa que teñen que falar, preguntar, investigar...”, engadiu. Desta parte do obradoiro encargarase a docente Azucena Arias que achegará casos prácticos para que nun futuro os estudantes da facultade poidan facelos efectivos nas súas aulas.