DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolleu a defensa de dúas teses sobre socorrismo

Materiais de rescate e métodos de aprendizaxe que axudan a salvar vidas

Catalina Gili e Marcos Mecías propoñen melloras na formación e nos métodos de actuación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 23/04/2015

Nun ámbito como o socorrismo acuático, no que cada segundo gañado nun rescate aumenta as posibilidades de supervivencia da persoa en perigo de afogamento, todo avance supón unha axuda á hora de salvar vidas. E iso é precisamente o que propoñen as investigacións realizadas por Catalina Gili e Marcos Mecías, que este xoves defenderon as súas teses de doutoramento na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. No seu proxecto, Gili amosou como a introdución dun dispositivo que outorgue un feedback inmediato nos cursos de formación para socorristas mellora a súa aprendizaxe, mentres que Mecías puido constatar como o uso de material de rescate incrementa o rendemento destes profesionais.

Co profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Vicente Romo e o docente da Universidade da Coruña José Palacios como titores, Catalina Gili converteuse na mañá deste xoves en doutora pola Universidade de Vigo tras someter a súa investigación á avaliación dun tribunal integrado polo holandés Joots Bierens, a portuguesa Ana Catarina Queiroga e o profesor da facultade José Luis García Soidán. Acto seguido, chegou o momento de que Mecías defendese o seu proxecto, no que tivo como titores a Palacios e a o docente da facultade Roberto Barcala, desta volta ante un tribunal integrado polo profesor da USC Antonio Rodríguez Nuñez, Queiroga e García Soidán, completando así unha xornada protagonizada pola investigación nun ámbito “de utilidade universal e con moito futuro”, como sinala Barcala. Este docente, director do grupo de investigación Remoss (Rendemento e Motricidade do Salvamento e Socorrismo), incide no valor de promover estudos que contribúan a mellorar os protocolos de actuación nun campo “no que a investigación está a producir unha mellora continua, xa que hai moitas cousas que aínda se descoñecen, e no que constantemente aparecen novas tecnoloxías que é preciso testar”.

Avances tecnolóxicos que melloran a formación en RCP

Un dispositivo, “moi accesible a nivel económico, pero co que non se conta actualmente nos cursos de formación para socorristas”, centrou a investigación levada a cabo por Catalina Gili para a súa tese O efecto do feedback nun programa de intervención para a aprendizaxe da reanimación cardiopulmonar básica en futuros socorristas acuáticos. Trátase do Skillguide, un elemento que, na formación práctica en reanimación cardiopulmonar (RCP) que o alumnado destes cursos realiza cun manequín, outorga un “feedback inmediato” a través de avisos luminosos. Unha información do que están a facer ben ou mal que, segundo explica esta investigadora, “provoca unha mellora importante na súa formación con respecto a aqueles que só reciben as indicacións dun profesor”, constituíndo un avance na aprendizaxe duhna manobra que constitúe “unha das medidas máis importantes para reducir a mortalidade tras unha parada cardíaca” e que os socorristas se encargan de realizar tras no tempo no que se agarda a chegada da ambulancia.

Para comprobalo, Gili analizou “como afectaría a un curso convencional de socorrismo acuático a introdución de só 20 minutos de feedback”. Para iso, realizou probas con cun total de 99 persoas, divididas en tres grupos, que recibían formación en RCP, un sen ningún tipo de indicacións, outro coas achegas dun profesor e un terceiro tanto as indicacións do profesor como a información visual que o dispositivo lles ofrecía mentres realizaban as manobras cun manequín. Os resultados do estudo amosan que este avance tecnolóxico contribuía á mellora nas súas habilidades, converténdose polo tanto nun “elemento imprescindible para aprender a realizar unha RCP de calidade”.

Materiais que reducen o tempo de rescate

Xunto coa realización dunha correcta manobra de reanimación, outro aspecto fundamental nun rescate acuático é a duración da intervención. Neste senso, a tese Análise do rendemento e a eficacia sen e con material de rescate permite constatar que o uso por parte dos socorristas de materiais como o tubo de rescate Marpa e as aletas contribúen diminuír o tempo total que se emprega para retirar a unha persoa da auga. “Isto implica que se poden aplicar antes os primeiros auxilios, o que supón, polo tanto, unhas maiores posibilidades de supervivencia para o accidentado”, salienta Mecías, que na súa investigación realizou probas de “simulación dun rescate real” con 20 socorristas profesionais.

Xunto a análise de diferentes variables fisiolóxicas, como a frecuencia cardíaca, que lle permitiron coñecer que “a fatiga dos socorristas reduce a calidade da posterior aplicación da RCP”, este investigador do grupo Remoss analizou tamén outra serie de parámetros de carácter psicolóxico. Concretamente, estudou a “percepción subxectiva do esforzo” que os socorristas tiñan trala realización da simulación. A través dun cuestionario, o investigador puido comprobar que, ademais do tempo de rescate, o uso destes materiais provoca tamén “a percepción de que o esforzo realizado sempre é menor”, un dato “de carácter subxectivo” que tamén contribúe a incidir na importancia que ten o uso destes elementos de rescate.