DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas xornadas analizan o ensino do Dereito Romano e do Dereito Procesal no marco de Boloña

As materias máis clásicas do Dereito tamén se adaptan ao EEES

Coa participación de docentes de distintas universidades españolas e italianas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 06/05/2010

O Dereito Romano era o conxunto de normas xurídicas que rexían ao pobo romano dende a súa fundación ata a caída do Imperio. Na actualidade esta materia é obxecto de estudo dunha disciplina xurídica internacional, a romanística, cuxa sede son as facultades de Dereito de todo o mundo. O Dereito Procesal, pola súa banda, ten por obxecto regular a organización e atribucións dos tribunais de xustiza e a actuación das distintas persoas que interveñen nos procesos xudiciais. Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito, asegura que existe “unha especial vinculación” entre ambas as dúas disciplinas que se enfrontan agora ao reto común de adaptar os seus contidos e aprendizaxes ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Como levar adiante esta adaptación para que repercuta nun mellor ensino de ambas as dúas materias é precisamente o obxectivo das xornadas O ensino do Dereito Romano e do Dereito Procesal no EEES, que comezaron este xoves no campus. A iniciativa foi promovida polo catedrático de Dereito Romano Luis Rodríguez Ennes, está coordinada polas profesoras da Universidade de Vigo Inés Iglesias Canle, da área de Dereito Procesal e María José Bravo Bosch, de Dereito Romano e na mesma interveñen docentes de distintas universidades españolas e italianas para tentar achegar posicións que repercutan nunha mellor organización da docencia. Na iniciativa participan preto de 80 estudantes de dereito interesados en coñecer como se van articular os plans de estudos de ambas as dúas disciplinas.

A adaptación dunha “materia clásica”ao EEES

No acto inaugural das xornadas a profesora Bravo Bosch recoñeceu que pode parecer pouco doado adaptar unha materia clásica como o Dereito Romano ao EEES, “pero nada máis lonxe da realidade” e emprazou aos relatores do curso a atopar puntos de encontro neste obxectivo común “utilizando ferramentas como a aprendizaxe común e baseada en problemas”. Inés Iglesias Canle, pola súa banda, utilizou como base da súa intervención o plan de estudos do grao en Dereito que se implantou este ano no campus para tentar analizar o porqué das novas perspectivas docentes. Falou a profesora Iglesias Canle do sistema actual de catro anos de estudo de grao máis un obrigatorio de mestrado que substitúen á anterior licenciatura en Dereito. Segundo as súas palabras, “este sistema de ensino é xa unha realidade nesta facultade e vai permitir o acceso dos estudantes ao mercado laboral nunhas condicións óptimas para obter todos os éxitos profesionais”, asegurou.

A filosofía de Confucio

O decano da Facultade de Dereito, Miguel Ángel Michinel, subliñou das xornadas a presenza nas mesmas de xuristas do exterior “que nos poden ilustrar sobre os sistemas xurídicos e as metodoloxías docentes dos seus países de orixe”. Unha liña argumental defendida tamén por Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, que fixo unha loanza da actividade formativa e académica levada adiante polo centro coa organización de iniciativas como estas xornadas “que o converten nunha facultade dinámica que ofrece aos seus alumnos unha importante formación complementaria”.
Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, pola súa banda, lembrou na súa intervención ao filósofo chino Confucio que dicía o seguinte: contáronmo e esquecino, vino e entendino, fíxeno e aprendino para resumir o espírito de Bolonia, “que nos trae unhas novas metodoloxías educativas baseadas máis na aprendizaxe do estudante que no ensino do docente”. Unha nova liña de traballo á que, segundo Atrio, deben unirse tamén o Dereito Romano e Procesal “para adaptarse ás necesidades da sociedade moderna cuns contidos que non se baseen só na simple adquisición de coñecementos senón tamén de habilidades e destrezas que lles permitan aos estudantes afrontar con éxito o seu paso ao mercado laboral”.

Un aperitivo sobre o Dereito Romano e Procesal

Na primeira xornada do curso as profesoras Iglesias Canle e Bravo Bosch falaron das súas respectivas materias, o Dereito Romano e o Procesal, no ámbito do EEES. Houbo tamén neste primeiro encontro relatorios sobre A situación actual e as liñas de futuro na docencia do Dereito Procesal e A importancia do Dereito Romano no EEES. As xornadas prolongaranse durante os días 7 e 8 de maio con intervencións que abordarán distintas cuestións de ambas as dúas disciplinas.