DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O cineasta arxentino imparte en Belas Artes un seminario inserido na programación de Novos Cinemas

Matías Piñeiro: “Nunca concibín as ideas de ver e facer cine como instancias separadas”

A través dunha selección de filmes e directores, achega a súa persoal visión desta arte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 29/06/2017

Cineasta e cinéfilo son dous conceptos con fronteiras difusas para o director arxentino Matías Piñeiro, ao que o festival Novos Cinemas dedica unha retrospectiva na súa segunda edición, inaugurada este martes. O programa formativo dun evento que conta coa colaboración da Vicerreitoría do campus levou ao padriño da presente edición á Facultade de Belas Artes, onde nas xornadas de xoves e venres imparte o seminario 36 leccións de cinema, no que, a través dun percorrido por diferentes referentes da historia da sétima arte, articula un relato sobre como ver filmes foi o que o levou a converterse en director. “Nunca concibín as ideas de facer cine e ver cine como instancias separadas”, salienta.

Aos seus 35 anos, Piñeiro ten estreado xa sete longametraxes, premiadas en festivais internacionais como o de Locarno ou o Bacifi de Bos Aires, e que o teñen convertido nun dos nomes de referencia do novo cinema arxentino. Mais o seminario, aberto tanto ao alumnado do campus como ao conxunto da cidadanía e no que foi presentado polo director artístico do festival, Ángel Santos, non estaba dirixido a falar da súa obra cinematográfica, nas que aborda cuestións como os roles femininos nas obras de William Shakespeare, senón da obra doutros e doutras, dunha selección de directores e directoras e da pegada que deixaron na súa aprendizaxe “elementos que poden ser nimios, pero que foron os que a min me estimularon, que estiveron na miña cabeza ao longo de todos estes anos”.

Formado na Universidad do Cinema de Bos Aires e profesor do Pratt Institute de Brooklyn, Piñeiro recoñece tamén as salas de cine como un dos espazos que máis forza tiveron na súa formación. “Foi ver películas o que me deu ganas de pensar películas e isto o que me levou a facelas”, relatou este cineasta, que comparou a súa visión da sétima arte coa práctica do surf ou coas esculturas móbiles de Alexander Calder. No surf, relatou, son necesarios unha serie de recursos, comezando pola táboa, e tamén unha técnica, “pero despois está a natureza”. E no cinema, ademais dos recursos técnicos e dos coñecementos, existe tamén “esa idea de manter o equilibrio, do diálogo entre o control e o non control”, segundo sostén este director, para quen esta arte precisa tamén desa posibilidade de “caer”, dun “diálogo coa natureza, por máis que esa natureza apareza nunha sala de ensaios”.

De aí que a súa concepción do cine teña como punto de partida “a conexión persoal, que é o que quero facer, como conecto eu con este mundo”, que é precisamente o que trata de exemplificar no seu percorrido por directores e directoras de diferentes épocas. “Non sei se será mellor ou peor, pero a min resúltame máis interesante o cinema que xurde dunha vibración persoal, que se sae da norma, mesmo películas moi clásicas nas que ves ese toque persoal, preocupacións íntimas”, engadiu.

36 olladas persoais á historia do cinema

Directores como Alfred Hitchcock, Michelangelo Antonioni, Rainer Werner Fassbinder, Yasujiro Ozu, Jean-Marie Straub ou Danièle Huillet, entre outros, centran o percorrido que Piñeiro traza neste seminario inserido no programa formativo #Aula de Novos Cinemas e que presentou como unha “constelación de ideas sobre cine” dirixida precisamente a estimular as e aos asistentes nesa idea de que “todos podemos filmar”, de defender esa idea de que ver cine é o punto de partida para que “poidamos imaxinar as nosas propias películas”.

Con ese propósito, intercala as súas reflexións con extractos de diferentes filmes, nun percorrido que busca abranguer as tres fases da realización dunha película, a preprodución, a rodaxe e a posprodución. Percorrido que iniciou cuestionando o “fetichismo” que ao seu xuízo existe arredor do guión. “É estraño que nos expoñamos á páxina en blanco, porque o cine son imaxes e sons, está máis preto dunha foto que dalgo escrito nun papel”, salientou o cineasta, que lembrou nese senso “que as palabras son unha linguaxe distinta da do cine”.

O alumnado puxo inicio ao festival

Foi a proxección do seu último filme, Herminia & Helena, a que puxo inicio, na noite domartes, á segunda edición deste festival dedicado a directores e directoras novos. Pero a inauguración oficial viuse á súa vez precedida doutras dez proxeccións, as das curtas realizadas polo alumnado do campus no marco do obradoiro Correntes, impartido por Oliver Laxe. Lois Búa, Ester García, Pablo Aguilar, Raquel López, Ariadna Cordal, Vanesa Soares, David Cruces, Noemí Parga, Andrea Alonso e Marta Valverde foron os dez estudantes, das facultades de CCSS e da Comunicación e Belas Artes, protagonistas deste primeiro acto do festival, no que estrearon os proxectos que desenvolveron nun obradoiro inserido tamén no programa formativo do festival e que os levou a pór en relación as paisaxes do Lérez coa súa contorna humana.