DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor recibiu no campus vigués a Álvaro José de Mendoça

Mato busca a través do embaixador de Portugal o recoñecemento das autoridades lusas a Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 01/02/2012

Acadar por parte do goberno portugués o recoñecemento que o campus de excelencia internacional Campus do Mar ten nos executivos español e galego foi a expectativa que o reitor da Universidade de Vigo transmitiu ao embaixador de Portugal en España, Álvaro José de Mendoça no encontro que ambos mantiveron hoxe no campus vigués. Na primeira visita do embaixador portugués á Universidade de Vigo o presente e o futuro do campus de excelencia internacional centraron un encontro no que De Mendoça amosouse especialmente interesado en coñecer “a avaliación da institución académica viguesa da colaboración que as autoridades lusas están a prestar ao proxecto e tamén a necesidade de poñer en marcha algunha actuación concreta máis”.

Coa finalidade de acadar unha maior unificación de accións e tempos entre as universidades e organismos galegos e lusos que integran o Campus de Mar, Mato apelou á necesidade de un recoñecemento por parte das autoridades portuguesas cara ao campus internacional dixo “máis real dos que existen e verdadeiramente interrexional”. Esta valoración por parte das autoridades lusas permitiría ademais de avances no traballo conxunto que desenvolven os investigadores galegos e portugueses, un mellor posicionamento cara á solicitude de recursos en Europa ao actuar os estados como “avais e garantes”, destacou o reitor.

Networking intelixente e especialización

Mato confirmou ao embaixador portugués que Campus do Mar continúa co encaixe de pezas correspondentes a súa gobernanza e coa posta en marcha dunha oferta de doutoamento única no seo dunha agregación que suma ata un 40% de investigadores portugueses. Sumada á aposta que desde Campus do Mar “se está realizar polas persoas, a través de axudas á mobilidade, bolsas de posgrao ou captación de talento”, Mato tamén destacou ante o embaixador luso o impulso que desde a Universidade de Vigo se deu á creación da rede de campus de excelencia internacional do mar, CEI.MARNET, para facer “networking intelixente”.

O reitor que non deixou pasar a ocasión para lembrar a recente posta en marcha da conferencia de reitores do suroeste europeo, CRUSOE, como outro exemplo de cooperación entre España e Portugal, incidiu ante o embaixador luso nos avances acadados pola Universidade de Vigo, así como no traballo que se está a desenvolver a prol da especialización de cada un dos seus tres campus.