DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Matrícula on-line para os estudantes de primeiro curso en titulacións con límite de prazas

O prazo ábrese este luns e pecha o vindeiro mércores

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 18/07/2008
A exposición no día de hoxe do primeiro listado de admitidos en titulacións con límite de prazas marca o inicio do período de matriculacións, que vai dende o 21 ao 23 de xullo e que nesta ocasión conta coa novidade de poder matricularse a través da Internet xa dende o primeiro curso. Así, a Universidade trata de facer máis doada e accesible a chegada dos novos alumnos ao permitirlles realizar os trámites dende a seu propio domicilio, a través da páxina www.uvigo.es, ou nos postos de automatrícula que se teñen habilitado en todas as escolas e facultades. Nestes puntos, ademais de dispor de ordenador, escáner e impresora, “contarán tamén con persoal de apoio, tanto de informáticos como de administrativos”, tal como explica Ánxeles Hermida, vicexerente do campus de Pontevedra e de Xestión Académica. De todos os xeitos, “trátase dunha aplicación moi sinxela, amigable e doada de empregar por calquera alumno dende a súa propia casa”, continua.
A posibilidade de establecer a domiciliación bancaria do pago para os tres prazos, evitando así desprazamentos ao banco, é outra das novidades que a Universidade implanta para o vindeiro curso.

Belas Artes e o Xescampus

Para tramitar a matrícula no novo grao en Belas Artes, os estudantes terán a súa disposición unha nova aplicación informática creada pola Universidade baixo o nome de Xescampus UVigo. Trátase dunha plataforma de xestión académica na que, nun entorno web, o sistema informático se adapta aos requirimentos dos usuarios. O seu obxectivo é facilitar o proceso, tanto aos alumnos como ao persoal docente e de administración.
O novo sistema xa se está a empregar na preinscripción para os 30 másteres oficiais que oferta a Universidade para o 2008/2009. “Neste caso só é posible realizar tanto a preinscrición como a matrícula en liña”, subliña a vicexerente.
No marco da forte aposta que o equipo de goberno está a facer para impulsar a utilización das novas tecnoloxías, está previsto que a través do Xescampus se poidan efectuar cruzamento de actas entre profesores vía on-line, plans de organización docente, fichas automatizadas dos alumnos e reservas de espazos para aulas.