DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade facilita a realización en liña de todos os trámites necesarios

Matrícula en primeiro a golpe de click

Vigo convértese no primeiro centro a nivel nacional con vídeos explicativos en lingua de signos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 20/07/2009

Matricularse na Universidade de Vigo con todos os trámites que isto conleva, incluído o pago da matrícula, sen desprazarse do propio fogar ou de calquera lugar con acceso a Internet é xa posible grazas a Xescampus, unha plataforma tecnolóxica de última xeración que facilita ao estudante, de xeito sinxelo e seguro, a realización en liña de todos os trámites que require o proceso de matrícula na Universidade.
A nova ferramenta está xa a disposición dos estudantes que a partir de mañá martes e ata o xoves se matriculen no primeiro prazo de matrícula nas titulacións con límite de prazas, se ben poderán beneficiarse do sistema todos os estudantes, independentemente do curso no que se matriculen.
A nova medida, implantada co obxectivo de facerlle a chegada máis doada e accesible aos novos alumnos, insírese na forte aposta do equipo de goberno polo impulso á utilización das novas tecnoloxías e a achegar a administración aos usuarios.

Múltiples alternativas de axuda e asesoramento

Para facilitar e axudar aos estudantes no proceso a Universidade, de xeito pioneiro a nivel nacional, puxo en marcha unha serie de vídeos ilustrativos que especifican de xeito sinxelo os distintos pasos que debe ir seguindo o alumno. Estes vídeos están dispoñibles en galego, castelán e tamén en lingua de signos, “para dar a maior accesibilidade na información e no tratamento do proceso de matrícula, o que nos converte na primeira universidade do Estado que emprega este tipo de ferramentas”, explicou na presentación a xerente da institución, Ana Fernández Pulpeiro, que destacou a colaboración que prestou o grupo de investigación de Linguas Signadas da propia universidade na elaboración do documento.
Ademais dos vídeos os estudantes atoparán tamén información detallada sobre o proceso na propia web da automatrícula e “dispuxemos tamén un número de teléfono de atención ininterrompida de 09.00 a 20.00 horas e un mail para asesorar a todos os estudantes que precisen axuda en calquera intre do proceso”, subliñou a xerente.
Para aqueles estudantes que elixan a opción de desprazarse ata a escola ou facultade que elixiron para realizar os seus estudos habilitáronse postos de automatrícula en todos os centros que contan con persoal de apoio, tanto informático como administrativo.

Unha ferramenta “amigable, sinxela e segura”

Fernández Pulpeiro estivo acompañada pola vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo, que animou a todos os estudantes a empregar o novo sistema, xa que “facilita a interacción coa administración e consigue que os trámites sexan amigables, sinxelos e seguros”.
Se ben a automatrícula é unha tendencia cada vez máis habitual nas universidades españolas, o que non é xenérico é que se poidan realizar todos os trámites dende a web. “Na maior parte dos casos os estudantes teñen que desprazarse á sucursal bancaria para facer o pago dos prezos públicos da matrícula, mentres que con esta ferramenta isto non é necesario”, indicou a xerente, ao tempo que explicou que este trámite se pode facer mediante o pago en efectivo (achegando a unha sucursal bancaria o impreso que se facilita na web), pero tamén con tarxeta ou mediante domiciliación bancaria. Ademais, por primeira vez poderase fraccionar o pago en catro prazos, “o 40% abonarase no intre da matrícula e despois haberá tres novos prazos en decembro, febreiro e marzo”.

As notas, no móbil

Xescampus empregárase xa no curso pasado a modo experimental no Grao en Belas Artes, e a valoración foi moi favorable xa que a maior parte dos estudantes elixiron esta opción de matrícula.
A nova ferramenta facilita que o estudante poida acceder tamén información puntual do seu expediente académico e facilita que os que estean interesados poidan coñecer as súas notas a través dos teléfonos móbiles.
As vantaxes tamén se estenden aos profesores e o persoal de administración e servizos, xa que ademais da matrícula se facilita o labor de máis procesos a través de Internet: cruzamentos de actas entre profesores en liña, plans de organización docente, fichas automatizadas dos estudantes ou reservas de espazos para aulas.

Prazos matrícula

O primeiro prazo de matrícula será dende mañá martes ata o vindeiro xoves e a segunda quenda establécese do 28 ao 31 de xullo, mentres que para as titulacións sen límite de prazas a matrícula está aberta dende o pasado 7 de xullo. A partir do mes de setembro comezará a matrícula ordinaria para o resto de estudantes, matrícula que se estenderá ata o próximo 30 de outubro.

Acceder á páxina de Automatrícula