DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na obra "Partition d´un manifeste poétique"

Mauvaise Compagnie d´en Face recrea con música e imaxes poemas de Lorca e Neruda

A MITEU continuará a vindeira semana no Auditorio Caixanova

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 24/04/2008

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo tivo hoxe a súa primeira incursión internacional da presente edición coa actuación da compañía belga Mauvaise Compagnie d´en Face. Ante o público que se deu cita no Teatro Vidal Bolaño, o grupo integrado por Lynne Entwistle, Julie Brug, Yasmine Tamaz, Jean Philiphe Dauphin e Mario Guzmán Faria, presentou un espectáculo baseado en poemas de Federico García Lorca e Pablo Neruda, no que a narración súmase á musica de as imaxes que atravesan o século XX.
En Partition d´un manifeste poétique, tres persoas en escena, un guitarrista, unha acordeonista e unha actriz ,asumen os textos de Lorca e Neruda, nun espectáculo que non ten carácter realista e no que todo pode confundirse: os personaxes e a historia, o aquí e o agora o que existe entre tempo e espazo.

Terribles visións da humanidade

A tenrura e tranquilidade na que discorre a vida de dúas mulleres, québrase por terribles visións dunha humanidade bañada na súa propia traxedia. Deste xeito a morte a tristura acompañarán e impregnarán a memoria e os actos máis sinxelos das protagonistas no seu modesto cuarto.

A MITEU cambia de escenario

Tralo seu paso polo Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria, a Mostra Internacional de Teatro trasládase a partir da vindeira semana ao Auditorio Caixanova de Vigo.
A Aula de Teatro Universitaria de Ourense, Maricastaña, representará o luns a partir das 20.00 horas a obra 84, baseada na obra de George Orwell 1984.
O martes a edición viguesa da MITEU baixa o pano coa representación de Sex on the beach a cargo do Teatro Estudio Internacional of New York.