DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na presentación do “European Responsible Care Award 2007”

Máximos representantes europeos da industria química visitan o campus para recoñecer o traballo conxunto de Drogas Vigo e Universidade

Distínguese así o seu compromiso medioambiental na recuperación de disolventes

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 27/06/2008

Máximos representantes europeos da industria química visitaron este venres o campus de Vigo para recoñecer o compromiso medioambiental ao traballo realizado pola compañía Drogas Vigo, xunto coa Universidade, no tratamento de residuos con disolventes. “Un bo exemplo dos frutíferos resultados da colaboración empresa-universidade”, tal como describiu Manuel Reigosa, vicerreitor de Investigación, na presentación do European Responsible Care Award 2007, concedido a Drogas Vigo polo Consello Europeo da Industria Química .
Xunto co Departamento de Enxeñaría Química da Universidade e a Consellería de Medio Ambiente, esta compañía viguesa iniciou no 2001 un plan estratéxico, no que se investiron 6,5 millóns de euros, co obxectivo de consolidar e desenvolver o negocio dos disolventes, aplicando para isto unha política baseada na seguridade e no respecto ao medio. Son múltiples as ocasións nas que na Universidade se gaban os beneficios do denominado modelo de triple hélice ou o que é o mesmo o traballo conxunto de universidade, empresa e administración, “pero poucas veces temos o prestixio de recoller entre nós un premio internacional e de tanto prestixio coma este”, subliñaba Reigosa. Nesta idea tamén quixo incidir Silvia Guntín, subdirectora xeral do Plan de I+D+i, quen se referiu ao premio como a demostración de que a situación periférica de Galicia “non é un handicap para recibir o recoñecemento do sector”.
O presidente de Drogas Vigo, Enrique Casal, agradeceu o galardón e, sobre todo, indicou que representa un novo reto para mellorar as cuestións de seguridade e de saúde.

Destacada representación europea

A entrega do premio contou cunha importante presenza de representantes europeos. Entre outros asistiron José Antonio Ruiz e Dorothee Arns, presidente e secretaría do Grupo Europeo da Industria de Disolventes; Richard Gowland, director técnico do Centro de Procesos Europeo e encargado da Plataforma Tecnolóxica Europea para a Seguridade Industrial do Consello de Europa.

Unha relación que ven de longo

O grupo Enxeñaría Enerxética e Química Ambiental da Universidade e Drogas Vigo colaboran desde 1999 en todos os seus procesos e, especialmente, no que se refire á reciclaxe de disolventes e pinturas que veñen da industria do automóbil. “Nestes intres é unha das plantas máis modernas e máis limpas e na que se teñen en conta todas as consideracións ambientais habidas e por haber”, comentaba Anxo Sánchez Bermúdez, vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade e profesor do Departamento de Enxeñaría Química, que tamén acudiu á presentación.

Un premio ás boas prácticas empresariais na química

Drogas Vigo foi seleccionada polo CEFIC, o Consello Europeo da Industria Química, sobre un total de 16 candidaturas procedentes de toda Europa para optar ao European Responsible Care Award.
O xurado valorou especialmente na súa elección o plan estratéxico desenvolto pola compañía nos últimos seis anos, así como a súa preocupación pola sostibilidade e a seguridade nas actividades desenvolvidas polo grupo.
Este recoñecemento, obtido en edicións anteriores por grandes multinacionais da industria química, é unha iniciativa que se inclúe nun conxunto de actividades dirixidas a mellorar as accións en materia de seguridade, saúde e medio ambiente.