DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mecánica, astronomía e cosmética natural, principais novidades nos obradoiros do segundo cuadrimestre

A inscrición poderá realizarse dende o 23 de febreiro ata o 6 de marzo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 18/02/2009

Aprender ao mesmo tempo que se pasa un bo rato é posible grazas aos obradoiros que ofrece a Vicerreitoría do campus de Ourense. Mecánica, teatro, cerámica, risoterapia ou cosmética natural son algunhas das actividades propostas para este segundo cuadrimestre cuxo prazo de matrícula comeza o luns día 23 e pecha o venres 6 de marzo. A oferta de obradoiros, que se desenvolverán en horario de tarde entre marzo e xuño, componse de “19 cursos que suman en total 400 prazas”, indicou Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus.
Algúns dos talleres repiten edición mentres que outros son de nova incorporación “en función dos recursos cos que conta a propia universidade e das suxestións que fan os participantes ao remate dos obradoiros nas follas de autoavaliación”. Este é o caso do taller de Fotografía dixital e o de Automóbil: mecánica práctica e aplicacións, “que se ten realizado en Vigo con anterioridade e este ano quixemos traelo aquí”; neste último caso manchar as mans será imprescindible xa que é o mellor xeito de coñecer o funcionamento dun vehículo. Tamén é novidade o obradoiro de Cosmética natural: elaboración de xabóns, velas e esencias, que se engadiu “xa que os talleres que teñen sentido práctico adoitan ter moito éxito” e este ensinará aos participantes a facer xabón e a coñecer os usos das plantas e esencias a nivel terapéutico entre outras cousas. O curso Aprender a aprender tamén aparece por primeira vez na programación dos obradoiros e o seu obxectivo é analizar as bases teóricas e científicas do acto de estudar facendo fincapé nas distintas técnicas que garanten un bo aprendizaxe.
Por outra banda, incluíuse o curso de Introdución á utilización de tecnoloxías baseadas na web 2.0. Ademais, co gallo do ano internacional da astronomía e “coincidindo coa instalación dunha cúpula de observación astronómica no Edificio Politécnico” tamén se oferta un obradoiro de Introdución á observación astronómica no que se describirán a lúa, os planetas, as estrelas e galaxias así como as técnicas máis habituais de observación.

Repiten edición

Mantéñense aqueles cursos de anteriores edicións que teñen unha matrícula suficiente como é o caso de “os dos grupos de teatro, o de Supervivencia, técnicas de escalada e rappel e o de Folclore: gaita e pandeireta, que se ven facendo dende hai nove anos aproximadamente”. Outros que repiten son os que promove a Oficina de Voluntariado da Universidade de Vigo: Adestrando as habilidades de comunicación, Intelixencia emocional e Planificación e elaboración de actividades de lecer en entidades de voluntariado. Tampouco é unha novidade o curso de Risoterapia que ensinará aos seus participantes a ver as cousas dende unha óptica positiva ensinando os beneficios da risa e estratexias persoais para rir. Tamén repiten aparición o obradoiro de Cerámica: o mosaico e as súas variantes, a Iniciación ao retoque dixital con Photoshop, o Contacontos e o taller Vive, sinte e expresa a túa sexualidade que se vai a centrar no desenvolvemento da identidade corporal e de xénero, na conduta e saúde sexual e nas relacións sociais e afectivas.

Datos de interese

O período de matrícula será dende o 23 de febreiro ao 6 de marzo e poderán inscribirse nos obradoiros todas aquelas persoas que o desexen. As taxas de inscrición oscilan entre os 48, 36 e 24 euros para os cursos de 30 horas e entre os 40, 30 e 20 euros para os obradoiros de 20 horas, sendo o maior prezo para o público en xeral, o intermedio para os membros da comunidade universitaria e o máis baixo para os bolseiros. Ademais os obradoiros de Intelixencia emocional, Planificación e elaboración de actividades de lecer en entidades de voluntariado e Adestrando as habilidades de comunicación serán de carácter gratuíto para os voluntarios da Universidade de Vigo, mentres que o taller de Aprender a aprender será de balde para toda a comunidade universitaria.
Para matricularse nos obradoiros será preciso facer o ingreso correspondente en calquera sucursal de Caixanova indicando o código e título do curso que se solicita, encher a ficha de inscrición que se facilitará nos lugares de información e entregar o resgardo do ingreso e da matrícula, fotocopia do DNI e, de ser o caso, fotocopia do documento que xustifique a condición de bolseiro nas oficinas do LERD ou do rexistro do campus.