DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antonio Ferriz participa na Semana Científica dedicada a este físico

Mecánica de fluídos ourensá para homenaxear a García Velarde

O profesor da Universidade de Vigo falará sobre flotabilidade magnética, forza de Coriolis e manchas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 15/09/2011
En maio o catedrático Manuel García Velarde acudía ao campus de Ourense para falar da mecánica de fluídos cos compañeiros de profesión e co público en xeral. Catro meses despois un amplo e destacado panel de científicos internacionais reúnese en Madrid nunha Semana Científica para renderlle homenaxe na súa xubilación e falar do que mellor saben, de ciencia e máis concretamente de física. Entre eles está o profesor da Universidade de Vigo Antonio Ferriz, encargado da organización do simposio que pecha a semana e de ofrecer a súa última conferencia.

Segundo salienta Ferriz, a Semana Científica, que se celebra do 12 ao 16 de setembro, xurdiu “con motivo da xubilación, forzosa como a el lle gusta dicir, de Manuel García Velarde, catedrático de Física e director do Instituto Pluridisciplinar da Universidade Complutense de Madrid”. Á iniciativa, que conta cun comité científico que reúne a algúns dos máis destacados científicos estatais e internacionais da física, o profesor ourensá foi convidado a organizar xunto aos científicos Eugene G. Morozov (Moscú) e José M. Redondo (Barcelona) un simposio sobre mecánica de fluídos, titulado concretamente Symposium on Geophysical and Astrophysical Flows and Related Problems, que se celebra durante toda a xornada do venres e que contará coa dezaseis intervencións.

A súa relevancia

“Un dos campos da física no que máis ten destacado Verlarde durante a súa carreira científica foi a mecánica de fluídos e por ese motivo a Semana Científica inclúe especificamente un día dedicada a ela. De feito, a súa última visita ao campus de Ourense, onde foi un privilexio contar coa súa presenza, foi para ofrecer unha conferencia sobre porque mollan os líquidos no marco das xornadas A Química, unha ciencia básica, organizadas polo Grupo de Termofísica da Universidade de Vigo”, explica Ferriz. Ademais da organización xunto a Morozov e Redondo deste simposio, Ferriz será o encargado de ofrecer aos asistentes unha conferencia na que falará sobre flotabilidade magnética, forza de Coriolis e a orixe das manchas solares, unha das súas principais áreas de investigación e docencia.

Por último, sobre a relevancia do científico homenaxeado, Ferriz salienta que Manuel García Velarde é doutor en Física polas Universidades Complutense de Madrid e Libre de Bruxelas, ademais de ser membro da Academia Europea, doutor honoris causa polas Universidades de Aix-Marsella (Francia) e de Saratov (Rusia) e Premio DuPont da Ciencia. O seu traballo investigador materialízase en arredor de 350 artigos en revistas científicas, uns 130 capítulos de libros, máis dun cento de artigos de divulgación científica e unha “escola” que comprende uns noventa doutores e post-doutores repartidos pola xeografía internacional.