DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A finalidade é impulsar a celebración da festa na Universidade

Un meco colgado no reloxo anuncia a chegada do entroido ao campus

Os seus promotores xa están pensando nun concurso de bonecos para o ano que ven

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 11/02/2010

Dende este mércores o reloxo do campus ten un novo inquilino: un simpático meco que anuncia a chegada do entroido. Trátase dunha iniciativa de Filemón Rivas, xestor de actividades culturais; Rodrigo Alberte, responsable de deportes en Ourense e Cándido Rodríguez, do parque móvil, co obxectivo de impulsar a celebración do entroido no campus. Nas palabras de Filemón Rivas, “o que queremos é animar aos membros da comunidade universitaria a implicarse máis no entroido”. A actividade coincide co inicio inminente desta festa en Ourense e a súa provincia, onde conta cun importante arraigo cultural, así como cun grande éxito de participación cidadá.
Os promotores da iniciativa tomaron como exemplo os tradicionais mecos que se constrúen nas aldeas e que se colgan nos lugares emblemáticos destas vilas. Segundo explica Rivas, “fixemos o boneco con roupa vella, papel e cartón e decidimos vestilo de graduado, aínda que nos saíu máis americano ca outra cousa, pois o gorro é o que se utiliza nos actos de graduación americanos”, conta. O meco permanecerá colgado do reloxo ata o mércores de cinza, data na que aínda non teñen moi claro que van facer con el. Segundo Rivas, “o tradicional nos pobos é baixalo e queimalo, pero non sei se nós chegaremos a tanto”.

Para o ano, concurso de mecos

Polo de agora o que teñen moi claro os construtores do meco é que non queren que a súa iniciativa caia no esquecemento. De feito xa están pensando na idea de organizar o ano que ven un concurso de mecos entre a comunidade universitaria. A finalidade é conseguir que o campus participe máisna celebración da tradicional festa do entroido.