DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle un congreso internacional sobre esta fórmula xurídica

A mediación, unha boa opción para as partes en conflito e para a xustiza

A súa maior implantación contribuiría a axilizar o traballo dos xulgados e dos tribunais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 24/10/2012

“As partes en conflito están satisfeitas porque aforran tempo e diñeiro e o cumprimento dos termos do acordo é máis doado. A xustiza reduce carga de traballo e polo tanto gaña en eficiencia. Para todos é unha solución satisfactoria”. Deste xeito, resumía Antonio Dorado os beneficios da mediación xudicial este mércores no campus de Ourense. O vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial foi o encargado de ofrecer a conferencia inaugural do I Congreso internacional de mediación: aproximación psicolóxica e xurídica. A iniciativa pretende contribuír a dar un impulso a esta fórmula de resolución de conflitos analizando experiencias pioneiras que se están levando a cabo tanto no marco estatal coma europeo. Cunha administración de xustiza conxestionada polos millóns de casos que cada ano chegan aos seus xulgados, avogados, xuíces e procuradores coinciden en reivindicar a mediación como un instrumento útil para a xustiza, especialmente en casos como os litixios familiares.

O congreso, que se prolongará ata o día 27 de outubro, foi inaugurado por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense; Ana Mª López, vicedecana do Colexio de Procuradores de Ourense, e Inés Iglesias Canle, docente da Universidade de Vigo e directora da iniciativa. “Donde hai seres humanos vai haber conflito e o importante é que teñamos os recursos suficientes para poder resolvelos dunha forma satisfactoria e pacífica para todos”, advertiu María Lameiras. “Neste congreso centramos a nosa atención na mediación porque é un eixe estrutural no traballo que se está facendo de modernización e de desconxestión da administración de xustiza”, apuntou Inés Iglesias Canle.

Sentarse a dialogar xa é un éxito

Con arredor de dez millóns de casos ao ano, salientou Antonio Dorado, “a xustiza que se imparte non é sempre a que os nosos cidadáns se merecen” polo que avogou por empregar fórmulas como a mediación para contribuír a axilizar o traballo dos xulgados. “A mediación pode ser un instrumento auxiliar ou complementario á administración de xustiza, moi válido para as partes en litixio e para o propio sistema”, advertiu. Segundo explicou, ao ser unha solución máis áxil que un xuízo as persoas ou entidades implicadas benefícianse do aforro de tempo e diñeiro que supón e teñen máis garantías do cumprimento do acordo porque é pactado entre elas. Pola súa banda, os xulgados e tribunais ven aliviada parte da súa carga de traballo, co aforro de custes e tempo e a mellora en eficiencia que iso supón.

O vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial salientou que desde a institución da que forma parte hai un compromiso claro co impulso desta fórmula e coa promoción da cultura da mediación entre xuíces e maxistrados. Segundo explicou, desde que en 2006 empezaron a aplicar esta medida de xeito experimental cada ano son máis os casos que se derivan á mediación, realizándose en 2011 arredo dun millar. Da experiencia destes primeiros anos destacou os beneficios deste instrumento incluso cando non se chegou a un acordo. “En casos como os litixios familiares, xa é un logro conseguir que as partes se senten a dialogar”, advertiu.

A mesma aposta pola mediación é compartida desde o Colexio de Avogados de Ourense. “A mediación é o camiño para mellorar esta depauperada administración de xustiza que temos”, advertiu o seu decano. Por este motivo, apuntou Arturo González, desde a institución que preside levan a cabo diferentes experiencias no eido da mediación penal e intraxudicial e proximamente iniciarán unha experiencia piloto en seguridade viaria.

Catro días de traballo

O congreso continuará ata o sábado afondando na mediación desde múltiples perspectivas. Expertos, tanto do eido académico coma profesional, de España, Italia, Colombia e Portugal abordarán cuestións como a mediación civil, a mercantil, a realizada con menores ou en casos de violencia de xénero ou a súa aplicación en Italia e na UE. “Este congreso permitirá o perfeccionamento dos nosos profesionais nunha área de moita transcendencia”, salientou Rosendo Fernández. “A Facultade de Dereito de Ourense é pequena en número de estudantes e docentes pero non na calidade da súa docencia, da súa investigación e da súa transferencia e iniciativas coma este congreso así o demostran”, subliñou Roberto Bustiño durante a inauguración.