DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O PAS Manolo Morquecho, “un home do renacemento”, amosa o seu carácter multidisciplinar

De Medicina a titulado en Belas Artes dende a biblioteca do campus

Doou á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dúas das súas creacións que están expostas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 14/07/2011

Aínda que a arte e a arquitectura lle gustaron dende sempre, aos 18 anos “atopábame facendo autopsias”. Así comenta Manolo Morquecho, técnico da Biblioteca Central do campus de Pontevedra, os seus inicios universitarios, etapa que retomou cando decidiu estudar Belas Artes tras levar varios anos traballando como PAS na Universidade de Vigo. Con 55 anos defínese como un apaixonado da pintura e as súas obras xa son coñecidas no campus, pois decidiu doar á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dúas pezas da súa meditada colección, "conseguindo dalgunha forma ficar na casa, deixando unha pegada do meu paso", comenta Morquecho.

Explica que se matriculou en Medicina porque “naquela época, para cursar Belas Artes, había que saír fóra de Galicia e eu non quería despegarme do mar”. Así, durante catro anos estivo estudando para médico ata que decidiu marchar a Francia “á aventura e a vivir novas experiencias”. Confesa que acabou opositando “por casualidade”, sen unha meditación previa “e rematei en Pontevedra”. Sorprende del o seu carácter multidisciplinar; el mesmo defínese como “un home do renacemento”, interesado pola ciencia, pola filosofía, pola arte, pola música... Así enténdese que “dun bacharelato de letras puras con latín e grego, me matriculase en Medicina con materias de biofísica, de química... e todo sen problema ningún”, pois considera que as distintas disciplinas non deben ser compartimentos estancos.

“Un recordo do meu paso”

Leva arredor de 25 anos ao servizo da Universidade, “comecei na biblioteca da antiga Escola de Maxisterio, cando aínda dependía de Santiago”, aclara, e unha vez centralizado o servizo no campus, “mudeime á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación”. Tras a apertura da nova Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Morquecho decidiu “deixar un recordo doando algunhas das miñas obras”, que curiosamente “se adaptan moi ben á construción moderna do edificio”. Trátanse de dúas fotografías protexidas por unha cápsula de metacrilato “nas que se representa de forma ampliada unha composición de pezas de madeira de distinta natureza”, aclara o propio artista e que están colgadas nos corredores do centro.

Emprego de materias reciclados

De todas as expresións artísticas decántase pola pintura, “pois para min é a máis visual e a que chama máis a atención”. A diferenza de moitos pintores que empregan o pincel, Morquecho opta por empregar obxectos reciclados, “materiais que atopo na praia, clasifícoos, prepároos, pero non me gusta manipulalos”. Deste xeito lembra a construción dunha peza escultórica a partir de elementos metálicos como latas ou bidóns, “que atopei polos montes queimados polos incendios”. Para o artista, a inspiración aparece “cando se traballa, momento no que ves unha forma ou unha cor e a partir de aí fago e refago”. Considera que non ten unha obra moi extensa, “xa que son bastante crítico comigo mesmo”, ademais de que emprega un proceso de creación complexo, “non me vale calquera cousa, fuxo do inmediato”.

Nestes momentos atópase inmerso na redacción da súa tese de doutoramento, dirixida polo profesor José Chavete da Facultade de Belas Artes. Neste caso, abandonou a pintura polo cine “para estudar os estereotipos da muller e comprobar que houbo momentos alá polos anos 30 nos que tiñan unha mentalidade máis avanzada que agora e sen censura”. En canto a próximos proxectos, “non son unha persoa que mira cara o futuro, simplemente desexo seguir facendo o que me gusta e probar cousas novas que me chamen a atención”, conclúe.