DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Edificio Xuridico-Empresarial acolle unha exposición do seu XV Premio Internacional Luis Valtueña

Médicos do Mundo trae ao campus a mellor fotografía humanitaria

A iniciativa enmárcase dentro da celebración en Ourense do Outono Fotográfico

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 16/11/2012

Con máis de 8500 instantáneas presentadas por case 3000 persoas en 15 anos de historia, o Premio Internacional de Fotografía Humanitaria Luís Valtueña, convocado por Médicos do Mundo, tense convertido no referente internacional no seu eido. Unha mostra dos mellores traballos presentados á súa última edición pódense ver na entrada do Edificio Xuridico-Empresarial do campus de Ourense co gallo da celebración do Outono Fotográfico. Trátase en total de 29 imaxes que abren unha ventá aos principais conflitos e ás grandes desigualdades que aínda persisten na xeografía mundial.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico, e Estefanía Ferreño, de Médicos do Mundo, foron os encargados de inaugurar este venres a mostra, que estará no edificio ata o día 23 de novembro. “Estas imaxes permítennos achegarnos ás desigualdades e ás exclusións que desgraciadamente están a vivir moita persoas en diferentes países pero tamén nos amosa o gran papel que realizan os cooperantes internacionais”, salientou María Lameiras durante a visita á exposición. “Con este premio Médicos do Mundo trata de fomentar os valores humanitarios e a solidariedade a través da fotografía e servir, ao mesmo tempo, como testemuño e denuncia da situación na que se atopan as poboacións máis desfavorecidas”, explicou Estefanía Ferreño.

Do cambio climático en Mongolia ao éxodo grego

A mostra do XV Premio Internacional de Fotografía Humanitaria Luis Valtueña, ao que se presentou a cifra histórica de 2949 fotografías de 347 fotógrafos procedentes de 33 países, está formada por unha selección de 29 instantáneas pertencentes aos traballos galardoados. Deste xeito, na exposición pódese ver o primeiro premio do certame, concedido ao italiano Alessandro Grassani polas súas instantáneas tomadas en Mongolia en marzo de 2011 e nas que amosa o impacto xerado nesa sociedade polo cambio climático. Os invernos, cada vez máis duros con temperaturas de ata 50 graos baixo cero, reduciron drasticamente os pastos e obrigaron a miles de persoas que vivían do pastoreo a emigrar á capital, modificando de forma radical as súas vidas tradicionais.

As persoas que se deteñan a ver a exposición tamén poderán gozar coas fotografías do italiano Lucano Catalano Gonzaga, que retrata a realidade das persoas somalís que viven no maior campo de refuxiados do mundo en Kenya, e coa obra do arxentino Gabriel Pecot, que plasma en imaxes a situación de miles de inmigrantes na cidade grega de Patras, onde agardan poder continuar a súa viaxe cara outros países europeos. A exposición complétana as fotografías dos italianos Marco Gualazzini, Paolo Pellegrin e Vicenzo Floramo.