DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Claustro celebrado este mércores en Ourense o reitor fixo balance do primeiro ano deste mandato

As medidas de aforro enerxético deste inverno permitiron evitar un gasto de 517.330 euros e a emisión de 940,2 toneladas de CO2 á atmosfera

O reitor informou de que no que vai de 2023 captáronse 11,5 m€ a través de 25 proxectos europeos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • ATHENA
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 12/07/2023

O edificio Politécnico do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración da última sesión ordinaria do Claustro da Universidade de Vigo deste curso académico 2022/2023. Nela tivo un protagonismo destacado o balance do impacto das medidas urxentes de aforro enerxético desenvolvidas este inverno nos tres campus. Delas destacouse que permitiron, coa colaboración da comunidade universitaria, evitar un gasto de 517.330 euros e a emisión de 940,2 toneladas de CO2 á atmosfera.

A orde do día da sesión celebrada en Ourense tamén tivo entre os seus puntos o informe do reitor, Manuel Reigosa. Nel subliñou, entre outros temas, o éxito acadado na concesión de proxectos europeos, tanto de investigación como educativos, apuntando a cifra de 11,5 millóns de euros captados en 25 proxectos europeos no que vai de 2023. Ademais, o responsable académico tamén foi o encargado de presentar aos membros da comunidade universitaria un informe sobre o desenvolvemento anual do goberno no que dedicou un maior peso a temas referidos a Persoal Docente e Investigador e Ordenación Académica.

Balance enerxético

Jacobo Porteiro, adxunto ao reitor para a Sostibilidade, foi o encargado de explicar aos membros da comunidade universitaria asistentes a estrutura do consumo de enerxía da institución académica e o impacto que tiveron as medidas urxentes de aforro enerxético desenvolvidas este inverno, de novembro a marzo, nos tres campus da UVigo e no marco do seu Plan de Sostibilidade (Plan Suvi), dirixido a mellorar a eficiencia enerxética da Universidade e reducir a súa pegada de carbono. Entre as medidas de aforro enerxético implementadas este inverno estiveron a muda da xestión da calefacción e climatización dos edificios; a prohibición do uso de dispositivos de calefacción individual eléctricos; o apagamento de computadores e de equipos, instrumentos e maquinaria cando non se utilicen; a desconexión de termos eléctricos e quentadores de auga instantáneos en aseos e laboratorios; o apagamento da achega de calor nas cortinas de aire e o axuste da iluminación interior e exterior. Foron, indicou Jacobo Porteiro, “medidas de impacto importantes” pero que “pagaron a pena facer”, subliñando que “a colaboración da comunidade universitaria foi excelente” desde o primeiro momento e como se contou cunha comisión de seguimento. O adxunto ao reitor para a Sostibilidade detallou que o plan levado a cabo este inverno permitiu á UVigo evitar un gasto de 517.330,77 euros e a emisión de 940,2 toneladas CO2 á atmosfera. A redución do consumo eléctrico foi dun 4,56% e a de gas natural dun 39,7%. Pese a esta redución e debido ao “enorme incremento” dos custos da enerxía (que no caso da electricidade case se multiplicou por dous e no de gas natural por catro) os gasto enerxéticos da UVigo, indicou, subiron neste inverno en 259.591 euros.

Respecto á electricidade, o informe, presentado a petición dun dos claustrais, recolle que as medidas implementadas permitiron unha redución do consumo de 266.253 kWh, é dicir, un 4,56%, pasando de 5.838.188 a 5.571.935 kWh e evitando a emisión de 61,24 toneladas de CO2. O consumo de electricidade foi reducíndose conforme avanzou o inverno chegando no mes de marzo a unha redución do 13,1%. Por campus, o de Ourense destaca como “o campus con maior aforro en enerxía eléctrica”, o de Vigo amosa “un aforro moderado” e o de Pontevedra consume máis enerxía que no ano anterior. Grazas ao aforro de electricidade acadado, evitouse un gasto de 64.433 euros. “O aumento da contribución das plantas fotovoltaicas, sumado ás medidas de aforro, permitirán consolidar estes niveis de aforro nos próximos meses”, sinalou Jacobo Porteiro. Porén, nun contexto de “enorme encarecemento da electricidade”, a pesar do impacto das medidas de aforro tomadas, na totalidade do inverno a subida do gasto foi do 49,7% (fronte o 87% da suba do coste), 364.600 euros superior ao inverno pasado, ascendendo a factura eléctrica total a 1.097.889 euros.

Polo que respecta ao gas natural, no claustro lembrouse que dende o ano 2018 na institución académica vense desprazando o gasóleo por gas natural polo que o consumo deste último foi en aumento cada ano e se emprega case de forma exclusiva para calefacción. “As medidas de aforro impactaron directamente sobre o seu uso, o cal fíxoas especialmente efectivas. Obsérvase claramente como coa entrada en vigor das medidas en novembro de 2022 o consumo de gas natural redúcese significativamente con respecto os anos anteriores”, recolle o informe. Os tres campus amosan unha redución de consumo moi semellante. Atendendo aos datos, a redución deste consumo de gas natural no inverno foi dun 39,7%, de 3.467.688 kWh, ascendendo o consumo este inverno a 5.260.664 kWh. Grazas a este aforro de enerxía evitouse un gasto de 452.89,55 euros e, pese á grande subida de prezos, o gasto foi 138.500 euros inferior (19,5% menos) ao inverno anterior, ascendendo en total a 571.549 euros.

Por último, a estes datos de aforro en electricidade e gas natural súmanse os de gasóleo pero debido á súa forma de compra en lotes non é posible facer unha discriminación mensual que permita calcular os seus datos referidos ao inverno en concreto. En toco caso, estimouse que en gasóleo calefacción a redución do consumo foi de 72.887 litros (27,8%), o gasto evitado 73.615 euros, o diferencial de gasto +33,451 euros e o CO2 evitado 192,4 toneladas.

A estrutura do consumo de enerxía na UVigo

Jacobo Porteiro tamén explicou aos membros da comunidade universitaria a estrutura do consumo de enerxía da UVigo e a súa evolución nos últimos anos para poder contextualizar este impacto do plan de aforro. Así, en electricidade apuntou que a institución académica tiña en 2018 un consumo de 15,2 millóns de kWh e que grazas ás medidas do Plan Suvi, e tras a pandemia, este consumo reduciuse aos 12,5 M kWh/ano. Así, desde 2020, o nivel medio de actividade sitúase en 1,1 M kWh ao mes e o nivel basal en 0,8 M kWh/mes. Grazas a compra a través de Redexga o prezo medio de compra, apuntouse no claustro, é en 2023 de 0,2417 euros/kWh.

Polo que respecta ao gas natural, detallouse que no orzamento 2021 e 2022 o prezo do gas natural a través de Redexga contemplaba un prezo de 24 euros/MWh do termo de consumo. Porén, en decembro de 2022 e ata fin de novembro de 2023 o prezo pasou a ser 101,3 euros/MWh (x4,22). Por último, respecto ao seu consumo lembrouse que do ano 2020 ao 2022 fíxose “unha intensa substitución de gasóleo por gas natural, por ter maior rendemento e menores emisións de CO2”. Así, se en 2020 era empregado en 19 centros da UVigo, cun total de 339.000 litros e 3,4 millóns de kWh en 2022 estas cifras ascenderon a 12 centros, 190.000 litros e 1,9 M kWh.

A experiencia de aforro deste inverno 2022/23, dixo Jacobo Porteiro, “amosa que se pode aforrar moita enerxía térmica cun impacto razoable sobre o confort” polo que “a proposta é manter o paquete de medidas para o próximo ano”. Do mesmo xeito, o reitor destacou a boa acollida das medidas por parte da comunidade universitaria e reafirmou o compromiso da institución académica co aforro enerxético xa que, afirmou, “hai que ser respectuosos co medio ambiente e a economía”.  

11,5 m€ captados en 25 proxectos europeos no que vai de 2023

No seu informe, entre outros temas, o reitor fixo especial fincapé no éxito acadado na concesión de proxectos europeos, tanto de investigación como educativos. Respecto dos proxectos de I+D, o Reigosa avanzou que no que vai de 2023 á Universidade de Vigo fóronlle concedidos 25 proxectos internacionais (a falta de resolver aínda moitas convocatorias), que se traducen en 11,5 millóns de euros en subvencións. Deles, 19 insírense no programa Horizonte Europa e son os responsables da captación de boa parte do financiamento total, con algo máis de 10 millóns de euros. Os outros seis proxectos corresponden a outros programas como LIFE ou Interreg. O reitor amosouse moi satisfeito “tanto pola cantidade de propostas presentadas como polo éxito obtido” nas diferentes convocatorias e tamén pola cantidade de proxectos que vai liderar a UVigo, 8 do total de 25, “o que demostra que o noso persoal investigador está a ocupar o espazo que lles corresponde pola súa calidade”. Reigosa tamén fixo balance dos proxectos internacionais no ámbito educativo e de cooperación. En 2023 presentáronse 55, e aínda que moitos deles están sen resolver, xa foron aprobados tres que achegan á UVigo 171.410€ de subvención.

A futura Facultade de Enfermaría, que agrupará as tres escolas públicas actuais, foi outro dos temas aos que se referiu o reitor, que explicou que se está a mellorar a memoria e agarda “que poida pasar a aprobación no seguinte Consello Galego de Universidades” e que “poidamos ter a matrícula de primeiro nos tres campus aberta no curso 2024/2025”.

Tamén se referiu aos institutos universitarios para indicar que tanto o Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais como o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación se atopan no proceso de captación de máis PDI, mentres que no que respecta ao Instituto de Xustiza e Xénero “está á espera de máis pasos, trala aprobación nos órganos de goberno da Universidade”. O futuro Instituto de Linguaxe “queda para o ano que vén”, avanzou.

Reigosa tamén informou de que a universidade europea ATHENA, consorcio do que a UVigo forma parte, non acadou éxito na convocatoria para obter financiamento, pero “continuaremos traballando para a consolidación” deste proxecto “e presentaremos de novo a candidatura, mellorando a documentación”.

Respecto á implantación do programa Peoplenet, o reitor indicou que coa incorporación de novas persoas ao grupo de traballo, está a mellorar o funcionamento da nova plataforma e trasladou o agradecemento do equipo de goberno ás persoas que levan traballando para mellora o funcionamento do programa. “Estamos encamiñándoo ben e espero que co esforzo de todos en breve teñamos algo mellor”.

O reitor concretou tamén o acto de apertura do curso do SUG, cuxa organización corresponde este ano á UVigo, terá lugar o 8 de setembro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo e a lección maxistral correrá a cargo da profesora Yolanda Herranz.

No seu informe tamén fixo un repaso dos procesos selectivos do PDI, detallando as prazas convocadas e resoltas no período 2022/2023 e as previstas para o vindeiro curso (12 de catedrático, outras tantas de titular e 130 de PDI temporal). No caso do PAS, repasou o punto no que se atopan os procesos de estabilización como o concurso de méritos do PAS funcionario. Finalmente, sobre os complementos retributivos do PDI, o reitor indicou que en xuño se pagaron os últimos trienios recoñecidos e en xullo pagaranse sexenios e posiblemente o complemento por excelencia curricular. Sobre a acción social, o reitor avanzou que das convocatorias pendentes (2020, 2021, 2022 e 2023) agárdase que no mes de setembro se poderá convocar a de 2020.

Na quenda de intervencións correspondente a este punto da orde do día, diferentes membros do Claustro interviñeron para solicitar información sobre temas como a implantación da plataforma Sigma ou a regularización do cobro de horas extra.

Balance do último ano de goberno

Como vén sendo habitual desde a súa chegada á Reitoría, Manuel Reigosa aproveitou a xuntanza do Claustro para dar conta do desenvolvemento anual do seu programa de goberno, algo que vén facendo desde 2019, coincidindo co aniversario da súa primeira elección como reitor. Os temas aos que lle dedicou un maior peso foron os referidos a Persoal Docente e Investigador e Ordenación Académica. Entre outros moitas cuestións, destacou como “compromisos cumpridos” a garantía de contratos indefinidos para actividades científico-técnicas, que era unha das esixencias establecidas pola modificación do marco normativo de contratación laboral, e a elaboración dun cadro teórico do persoal “que permite contar con información real e actualizada, facilitando a realización de simulacións nas que poder basear a toma de decisións”, explicou o reitor, quen tamén fixo fincapé na “grande utilidade” deste cadro teórico para abordar a adaptación á LOSU.

Tamén fixo referencia á análise do envellecemento do cadro de PDI, unha situación que definiu como “preocupante”, polo que, desde o seu punto de vista, haberá que “insistir” en medidas como o plan de incentivos das xubilacións. En canto á incorporación de axudantes doutores, Reigosa salientou que se están sacando o máximo número de prazas posible, especificando que para o curso que vén serán 30 prazas. Como obxectivo cumprido destacou tamén a promoción de numeroso profesorado asociado a axudante doutor, “un absoluto éxito que permitiu que as persoas que o acadaron poidan desenvolver a súa carreira académica con normalidade”. Ademais desta medida, que xa estaba en funcionamento desde o período anterior, tamén puxo sobre a mesa a vindeira posta en marcha dun Plan de Estabilización para todo o profesorado asociado. A maiores, fíxose tamén referencia como obxectivo cumprido, ao Plan piloto de recoñecemento docente por maternidade, que dá dereito ás profesoras a suprimir a docencia no ano inmediatamente posterior ao nacemento do seu fillo.

En canto a centros e docencia, destacou como logros a creación da Escola de Posgrao e a redución da dedicación docente e, adiantou que nas futuras negociacións sobre o novo mapa de titulacións -que non estará aberto ata 2024- se intentará conseguir melloras para os tres campus. Por outra banda, amosouse “moi satisfeito” do pulo que está a tomar a formación permanente, un tema non menor, se, tal e como alegou Reigosa, se ten en conta a previsible caída demográfica que fará que as universidades galegas experimenten unha importante baixada de alumnos e alumnas, algo que, tal e como subliñou, haberá que suplir, “coa captación de alumnado internacional e a formación permanente ao longo da vida”.

Nas cuestións relativas ao persoal investigador, o reitor defendeu que continúa a aposta pola investigación de excelencia e, neste sentido, amosouse orgulloso de que clasificacións como o Ranking QS, se refira á UVigo como unha universidade “intensiva e potente” en temas de investigación “e nesa liña temos que seguir”. Neste senso, adiantou que se seguirán apoiando as liñas de investigación de calidade, promoveranse as áreas que precisen mellorar o seu nivel de desempeño e seguirase a impulsar a creación de novos centros e institutos. O impulso á Ciencia Aberta e aos Doutoramentos Industriais foron outros temas aos que tamén se fixo mención como aspectos a seguir potenciando.

En canto a estudantado e emprendemento, o reitor destacou a actualización de múltiples normativas (avaliación, permanencia, recoñecemento de créditos…), así como a posta en marcha da comunidade Alumni-UVigo, “cuxo encontro a semana pasada foi un exitazo”. Menos avanzadas están, segundo explicou, as cuestións relativas á internacionalización, un aspecto no que o máximo responsable da UVigo destacou a importancia de ir da man das outras dúas universidades galegas e da Xunta de Galicia.
No seu informe ao Claustro destacou tamén o redeseño da web principal da Universidade de Vigo, se ben, adiantou que se está traballando xa nunha nova web “moito máis dinámica”; o 100% de despregue de novo equipamento Wifi en todos os centros da UVigo, o impulso a todas as cuestións que teñan que ver co pulo á cultura galega e o incremento do galego na docencia universitaria e a súa intención de pór en marcha unha Unidade da Diversidade, que traballará de maneira coordinada coa Unidade de Igualdade.

Planificación de obras nos tres campus

No relativo á planificación das obras importantes, Manuel Reigosa informou ao Claustro que o primeiro edificio que se empezará a construír será o de Aeroespacial, algo que permitirá a remodelación de todos os espazos do campus de Ourense, unha remodelación que se fará “con visión de futuro”. Ao fío desta cuestión explicou que dende o goberno da UVigo se está a traballar para que as institucións públicas permitan un soterramento parcial diante do campus, para que se poida pasar dun lado ao outro sen necesidade de cruzar a estrada. Neste sentido adiantou que tanto a reordenación do campus como o edificio de Intelixencia Artificial se producirán cara ao final do mandato.

Respecto do campus de Pontevedra, explicou que ao inicio do mandato era prioridade básica o denominado Edificio Modular de Tafisa, “unha parcela de gran tamaño ao lado do río que cumpre todas as necesidades que temos”, pero que isto mudou coa oferta da Xunta de Galicia de utilización do edificio do Hospital Provincial, onde xa se está a impartir a titulación de Enfermaría e que pode facer mudar o cronograma, “pois trátase dun lugar con moitísimos metros construídos, en pleno corazón da cidade e moi ben conservado”. Se ben o novo Grao en Deseño arrancará en Benito Corbal, isto é unha solución temporal, xa que se trata, simplemente, de dúas plantas dun edificio. “A decisión final que se tome para Pontevedra terá que facerse con moita lóxica e, sobre todo, con moita visión de futuro”, recalcou Reigosa.

En relación ao campus de Vigo o obxectivo é a autorización da ETEA, onde, tal e como estaba previsto, a idea é implantar o Centro de Investigación Mariña e a Facultade de Ciencias do Mar. A maiores mencionouse tamén a construción dunha escaleira de emerxencia na Facultade de Comercio, “para o que posiblemente contaremos co apoio do Concello”, adiantou o reitor.

Unha vez finalizada a presentación do reitor, tiveron lugar diferentes intervencións para preguntar sobre temáticas como a falta de representación sindical de determinados colectivos do PDI, a carreira profesional do PAS; a implantación do sistema informático Peoplenet, a política de baixas, a adaptación de xornadas e de postos por necesidades de conciliación, as negociacións sobre o teletraballo, os usos do edificio Redeiras, os procesos de estabilización do PAS, a formación do persoal, os prazos de convocatoria das prazas de profesorado axudante doutor, os prezos das cafeterías e comedores dos centros, o transporte ou a necesidade de obras na Facultade de Belas Artes e tamén na zona de enxeñarías do campus de Vigo.

Outros temas

No claustro celebrado este mércores tamén se aprobaron cuestión referidas á normativa de funcionamento da Comisión de Estatutos e fíxose a elección de membros para diferentes comisións, como son a comisión de estatutos, a comisión de traballo sobre os recoñecementos docentes na bolsa de horas dos centros e a comisión de traballo para o impulso ao Manual de Boas Prácticas. Igualmente elixíronse diferentes membros para Consello de Goberno e para os consellos de campus de Ourense e Pontevedra. Por último, na quenda de preguntas final abordáronse cuestións moi diversas, desde os horarios docentes, os programas de intelixencia artificial e a cobertura de xubilacións ata os ránkings de investigación e a aplicación das leis que afectan ao colectivo transxénero.