DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o subliñou o profesor Emilio Fernández no III Encontro Internacional de Emprendedores

O medio ambiente perfílase como un sector potencial para o emprego

A normativa, a redución de custos e a planificación estratéxica son os ámbitos con máis proxección

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 23/06/2010

En época de crise son moitos os sectores que agochan novas oportunidades de negocio para a xente emprendedora. Un deles é o medio ambiente, “un campo con futuro” segundo asegura o profesor da Universidade de Vigo, Emilio Fernández, “porque a degradación ambiental é tan grande que non hai escapatoria para a innovación no sector, incluso en época de estancamento económico”, declara. O docente defendeu esta aposta competitiva no marco do III Encontro Internacional de Emprendedores Eduardo Barreiros, unha actividade organizada polo Concello de Ourense que se está a desenvolver ao longo de toda esta semana e na que profesionais de distintos ámbitos amosan as súas ideas de negocio a persoas con inquietude por crear a súa propia empresa. A intervención de Emilio Fernández desenvolveuse no seo dunha táboa redonda moderada por Antonio Alonso, da asociación de empresarios galegos en Madrid e na que interveu tamén Ignacio Urdiales, director financeiro de Blusens, para falar das oportunidades de negocio no sector das tecnoloxías da información e as comunicacións (TICs).

Novos problemas que requiren solucións innovadoras

Emilio Fernández é profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo, uns coñecementos que aplicou na súa intervención así como os adquiridos na súa etapa de director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente. O docente centrou a súa intervención en tres nichos de negocio do sector medio ambiental: a normativa, a redución de custos e a planificación estratéxica.
Con respecto ao primeiro deles, o relator asegurou que todo o que teña que ver co cumprimento da normativa medio ambiental é unha aposta de futuro con potencialidade de creación de postos de traballo. O relator achegou algunhas ideas de negocio neste ámbito como a xestión de residuos, “buscando solucións novas para que os cidadáns non depositen tanto lixo nos contedores”, a reciclaxe de plástico, vidro e papel no medio rural, “onde a dispersión da poboación fai que os custos sexan enormes” e o deseño de sistemas naturais de depuración
Afirmou tamén o relator que nunha época de crise como a que estamos a vivir a redución de custos adquire rango de esixencia coa posta en marcha de medidas que contribúan a unha maior eficiencia enerxética e que atopen solucións aos custos ambientais e económicos da dispersión da poboación na nosa comunidade. “Unha poboación dispersa como a que temos en Galicia trae consigo que os custos da subministración eléctrica ás aldeas, a depuración da auga, o transporte e o acceso aos centros de saúde sexan elevadísimos. Estamos ante problemas que requiren de solucións novas que aínda non están deseñadas e que non son fáciles”, afirmou.
O profesor Emilio Fernández defendeu tamén a existencia e a viabilidade na nosa comunidade de empresas de planificación estratéxica formadas por especialistas de campos diversos, -economistas, axentes medio ambientais...- que axuden a deseñar un camiño de futuro procurando unha mellora da potencialidade do noso territorio.

O Campus do Mar como unha fonte de riqueza e emprego

Emilio Fernández compaxina o seu labor docente co ser comisionado do Campus do Mar, unha das principais apostas da Universidade de Vigo para erixirse nunha institución de referencia no ámbito académico internacional. A iniciativa está á espera de superar a primeira fase de avaliación por parte dunha comisión de expertos con esperanza de superala non só polo que supón para a Universidade senón tamén, como subliña o profesor, “porque ten que ser unha fonte de riqueza e emprego”.
O Campus do Mar permitirá que uns dous mil investigadores traballen cóbado con cóbado cos sectores produtivos da zona, “unha realidade que vai permitir que o coñecemento que se xera na Universidade sexa transferido ás empresas e que estas demanden á institución os estudos que precisan”, explica. A incorporación dos sectores produtivos dentro do proxecto é outro dos elementos subliñados polo profesor “xa que vai permitir que os mestrados que xurdan dean resposta ás demandas das empresas. Lanzar ao mundo laboral titulados que atopen o seu oco no mercado é o obxectivo de toda universidade de referencia, e iso é o que nós pretendemos”, declara.