DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun programa diferenciado en cada un dos campus

Medio cento de actividades para porse en forma coas Escolas Deportivas

O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 15 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 29/09/2008

Con actividades adaptadas ás novas tendencias deportivas e aos gustos dos usuarios, botan a andar as Escolas Deportivas da Universidade de Vigo, un programa que cada ano reúne a centos de persoas nos tres campus para practicar exercicio físico dun xeito ameno. Nesta ocasión a oferta é máis diversa ca nunca, pois consta con preto de cincuenta deportes que van dende clásicos como o aeróbic ou a natación ata outros tan modernos e orixinais como o aerobox, body tono, capoeira, full contact ou danzas orientais. Entre as actividades con máis éxito sitúanse o ioga, o tenis e o xadrez, se ben hai outras como o spinning ou o pilates, unha mestura de traballo físico, control corporal e relaxación activa, que cada vez teñen maior acollida.
“Consideramos as Escolas Deportivas como un programa vivo, que se modifica cada ano para adaptarse ás necesidades e ás demandas dos interesados, tanto no número como no tipo de actividades que se desenvolven”, explica Alexandre Sanjorge, técnico de actividades deportivas. Para isto leváronse a cabo pequenas adaptacións e melloras nos horarios, incluso hai ximnasios que agrupan ofertas distintas para darlle maior contido.
Achegando unha oferta diversificada e diferenciada a cada campus, o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo pretende facilitar a estudantes, PDI e PAS a posibilidade de practicar disciplinas deportivas ás que normalmente non teñen acceso, ademais dunha axeitada canle para adquirir hábitos saudables. “Trátase dun programa de moita calidade a uns prezos que non se conseguen en ningún outro sitio”, considera o técnico, que engade que “algúns dos mellores ximnasios e centros deportivos están a colaborar connosco”.
Con respecto ao número de participantes, que no curso anterior se situou entorno aos 1300, Sanjorge afirma que “a nosa expectativa é manternos na liña habitual, pero coa intención de aumentar o número de estudantes Erasmus que toman parte no programa”.

Vigo, variedade de horarios e centros por toda a cidade

Un total de trinta e tres actividades conforman o catálogo preparado polo Servizo de Deportes para os usuarios do campus de Vigo. Entre elas, ioga, tenis, natación e xadrez son impartidas nas propias instalacións deportivas da Universidade e están recoñecidas con créditos de libre configuración, polo que “se antes tiñan éxito, agora aínda máis”, comenta Sanjorge.
Aerobox, aikido, aquagym, body pump, body tono, capoeira, iudo, kendo e pilates... e así ata un longo etcétera, son as opcións que en diversos horarios e centros ofrecen as Escolas Deportivas.

26 actividades para o campus de Ourense

Escalada, remo e vela son as actividades que diferencian ao campus de Ourense e que contribúen á construción dunha oferta moi atractiva, composta nesta ocasión por un total de vinte e seis disciplinas deportivas. O pavillón dos Remedios, no centro da cidade, é o escenario escollido para as clases de escalada, mentres que as instalacións do Club Náutico de Castrelo de Miño acollerán as leccións de remo, tanto olímpico como tradicional, e de vela lixeira en catamarán.
Deportes clásicos como o xadrez, o aeróbic o tenis e a natación teñen tamén cabida na oferta ourensán, compartindo protagonismo con bailes latinos e de salón, boxeo, karate e kick boxing, entre outras moitos.
Pola súa banda, aqueles que desexen achegarse aos métodos de relaxacións orientais, teñen á súa disposición clases de ioga e tai chi.

Dende aeróbic ata spa Onsen no campus de Pontevedra

Un total de trece actividades serán impartidas no campus de Pontevedra. Aérobic e aerostep, bailes latinos e capoeira son as ofertas para poñerse en forma a través do movemento e do ritmo. A elas únese a tradicional natación, o ioga, o fitness, o pilates, o power pump, o taekwondo e o tai chi. Como elemento diferenciador, a oferta referida á capital do Lérez inclúe a posibilidade de acceder a piscina e spa Onsen de xeito libre.

Formalización da matrícula

Dende o luns 29 de setembro ata o vindeiro 15 de outubro está aberto o prazo para efectuar a inscrición en calquera das actividades propostas das Escolas Deportivas. Para isto é necesario recoller o formulario de inscrición, pagar as taxas nunha sucursal de Caixanova e entregar a documentación no Servizo de Deportes.
O período de actividade do primeiro cuadrimestre irá dende o 20 de outubro ata o 21 de decembro e dende o 7 de xaneiro ata o 22 de febreiro.

Máis información