DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Cetmar acolle un seminario do proxecto TEAM-Miño, liderado pola Universidade de Vigo

Medio cento de científicos pasarán revisión ao estado ecolóxico do esteiro do Miño

Exporase por primeira vez o traballo realizado dende 2011 para a implementación da Directiva Marco d

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 10/01/2013

Esténdese ao longo de 14 quilómetros e chega a acadar 2000 metros de ancho na súa desembocadura, en A Guarda, onde remata cun longuísimo areal con augas que cambian de temperatura e salinidade dependendo da marea. O esteiro do Miño é un dos humidais máis importantes de Galicia, cunha valiosa flora e fauna que é fundamental conservar. Niso é no que traballa o proxecto europeo Transferencia de ferramentas para a Avaliación, Ordenación, Xestión e Educación Ambiental en Esteiros, TEAM-Miño, que organiza este 11 de xaneiro no Cetmar un seminario sobre a implementación da Directiva Marco de Augas neste estuario. Posto en marcha en xaneiro de 2011, será a “primeira ocasión de amosar ao público o traballo realizados nestes dous primeiros anos de percorrido e darlle a máxima difusión”, explican dende a organización.

Dende primeira hora arredor de 50 persoas participarán nun workshop que pretende servir de escenario para o debate de cuestións fundamentais de cara á implementación da normativa marco, para “obter información actual tanto no campo administrativo como no científico-técnico e social e para permitir aos asistentes ampliar o seu coñecemento sobre un esteiro que funciona de fronteira administrativa entre España e Portugal”. Trátase dun foro no que amosar o grao de implementación da directiva e de facer unha aproximación preliminar ao estado ecolóxico das augas de transición do río galego, facendo unha harmonización dos criterios de clasificación dos tipos de masas de auga e determinando as condicións de referencia dos indicadores para tipoloxías comúns transfronteirizas.

Presentes todos os socios do proxecto

Sete investigadores da maior parte dos socios do proxecto serán os encargados de debuxar aos participantes a situación actual na que se atopa o esteiro do Miño. Trala apertura de Paloma Rueda, directora xerente da Fundación Cetmar, os investigadores Sara Pérez e Luis Gómez explicarán as liñas xerais de TEAM-Miño para dar paso a Mónica Velo, de Augas de Galicia, que falará da planificación hidrolóxica en Galicia Costa. Emilio Esteban Rodríguez (Confederación Hidrográfica Miño-Sil) debullará o novo enfoque na xestión e conservación dos recursos e ecosistemas acuáticos a través dos novos plans hidrolóxicos de demarcación que esixe a Directiva Marco da Auga, mentres que Helena Valentim, da Agência Portuguesa do Ambiente de Portugal, achegará aos presentes como se está a desenvolver a monitorización da calidade da auga na conca do río Miño.

A xestión dos recursos biolóxicos, das responsabilidades e compromisos sociais correrá a cargo de Carlos Antunes, do CIIMAR de Oporto, que cederá a quenda a Ricardo Beiras, director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, quen explicará o intento do TEAM-Miño de achegar fundamento científico ao traballo das administracións encargadas da xestión ambiental das augas estuáricas. O peche do workshop servirá para coñecer experiencias similares levadas a cabo noutros esteiros da Península Ibérica.

Investigación e transferencia do coñecemento

Cun orzamento total de algo máis dun millón de euros financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) e liderado pola Universidade de Vigo, o proxecto TEAM-Miño reúne a 13 institucións científico-técnicas e político-administrativas (Instituto Español de Oceanografía, Cetmar, CIIMAR-Universidade de Porto, IPIMAR, Universidade de Aveiro, Universidade de Coimbra, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Administração Regional Hidrográfica do Norte de Portugal, Augas de Galicia, Câmara Municipal de Vila do Conde e Câmara Municipal de Viana do Castelo) co obxectivo de desenvolver ferramentas comúns para a implementación coordinada no esteiro do Miño da Directiva Mardo da Auga aprobada en 2000. Ao mesmo tempo, pretende “potenciar a participación cidadá na xestión e conservación dos ecosistemas acuáticos” e “establecer criterios científicos que permitan a tipificación, referenciado e clasificación do estado ecolóxico das masas de auga do estuario, así como a transferencia dos resultados a institucións públicas, axentes sociais locais e sociedade en xeral”.