DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A visita coincide coa celebración do 5º aniversario da Asociación de Oceanógrafos de Galicia

Medio milleiro de persoas pasarán un día de outono nas illas Cíes da man do programa CampusMar Life

Este sábado 1 de decembro e cun prezo de 5 euros

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 30/11/2012
Lonxe dos centos de turistas que desembarcan nas illas Cíes durante o verán, o arquipélago durante o outono ofrece unha panorámica máis tranquila, onde a propia natureza se impón aos visitantes e a vida do parque natural se pode contemplar sen interferencias. Por iso esta é a época elixida polo Campus do Mar para organizar unha visita divulgativa ao Parque Natural das Illas Atlánticas, unha actividade que se enmarca dentro do programa CampusMar Life, que busca fomentar a relación co mar no seu tempo de lecer das persoas que viven e traballan arredor do Campus do Mar.

Esta iniciativa está organizada en colaboración coa Asociación de Oceanógrafos de Galicia, que celebra o seu 5º aniversario, e coa celebración tamén do 10º aniversario do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlántica de Galicia.

A visita, que terá lugar mañá 1 de decembro, tras ser adiada por mor das condicións meteorilóxica da pasada fin de semana, pechou o prazo de inscrición ao ter esgotadas as 500 prazas dispoñibles. A excursión constará de dous roteiros divulgativos da man de expertos monitores e cun prezo de 5 euros. Unha vez no parque , os guías, voluntarios da Asociación de Oceanógrafos de Galicia, acompañarán aos participantes en dous roteiros que permitirán descubrir características e curiosidades do arquipélago, descoñecidas para a maioría do gran público.
Os menores de 14 anos deberán ir acompañados dun adulto, mentres que o que teñan entre 16 e 18 deberán achegar un permiso paterno. A saída será as 09.30 horas dende Vigo e o regreso está previsto para as 17.30 horas e a organización aconsella levar comida, roupa cómoda e de abrigo, calzado adecuado para camiñar, un impermeable e protección solar e gafas de sol.

Toda a información está dispoñible na web do Campus do Mar