DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira saída, o 18 de outubro, percorrerá as termas ourensás

O medio natural e o deporte únense coa volta das Rutas Culturais pola provincia

Ao longo do curso realizaranse un total de 11 itinerarios

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 03/10/2008

Co comezo do novo curso volve unha cita ineludible para todos os amantes da natureza, o deporte e o patrimonio: os Roteiros Culturais. En vista do seu éxito, ano tras ano o Servizo de Deportes organiza diferentes itinerarios a pé polos lugares máis senlleiros de Galicia, conxugando o sendeirismo co coñecemento cultural e histórico da contorna. Nesta ocasión, a programación consta de11 saídas diferentes das que a maioría se desenvolven na provincia de Ourense e que inclúen ademais dúas novidades: a ruta Currosiana e a de Aciveiro-Candán. Pero serán as termas ourensás as que o día 18 de outubro inauguren a oferta de visitas, que ata maio percorrerán Pena Corneira, o Mosteiro de San Pedro de Rocas, a zona do Ribeiro, a Serra do Xurés, a Ribeira Sacra, os Canóns do Sil, Montederramo e O Incio.
Malia o que poida parecer, os percorridos, de arredor de 20 quilómetros, non requiren dunhas condicións físicas determinadas, xa que a actividade está aberta a todo o mundo e a súa filosofía é adaptarse ao ritmo do máis lento. Este ano, ademais, o programa conta cunha morea de agasallos para motivar aos participantes, entre os que se atopan guías das rutas culturais, camisetas a mesmo estancias de fin de semana. E coma sempre, aos estudantes que descubran o entorno natural galego cos roteiros concederáselles un crédito de libre configuración por cada dúas rutas, ata un máximo de dous créditos.

As termas ourensás abren o curso

As termas ourensás da Chavasqueira e Outariz abren a programación dos Roteiros Culturais deste ano o vindeiro 18 de outubro. O percorrido, duns 18 quilómetros de distancia, está clasificado como de dificultade baixa e inclúe ademais unha parada para realizar un baño termal. Por este motivo, é imprescindible levar traxe de baño, toalla e chancas, ademais da habitual roupa cómoda e calzado axeitado para camiñar. Asemade, recoméndase levar un chuvasqueiro ou paraugas e unha muda e, ademais, cada participante encargarase da súa comida e bebida. Os interesados poden apuntarse no Servizo de Deportes dos campus de Vigo e Pontevedra e no SIOPE en Ourense.

Información para os interesados

Para calquera das rutas, a matrícula estará aberta ata o martes anterior a cada saída, que terán lugar dous sábados alternos de cada mes. A inscrición pode formalizarse no Servizo de Deportes de calquera campus e o prezo para unha ruta é de 8 euros para os membros da comunidade universitaria e de 13 para os usuarios externos. Ademais, os que se matriculen para varias saídas poderán beneficiarse dunha redución: o prezo de 9 roteiros é de 59 euros e 99 euros segundo se trate ou non de membros da Universidade, mentres que se a matrícula comprende o programa completo sería de 70€ e 115€, respectivamente.
Os autobuses sairán do Edificio Politécnico do campus de Ourense ás 9.00 horas da mañá e o regreso ao punto de partida será sobre as 17.00 horas. Ademais, haberá autobuses dende Pontevedra e Vigo para trasladar aos participantes ata a cidade das Burgas.
Máis información