DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Concello de Lalín acolle un curso do 11 ao 13 de abril no que se analizará as potencialidades do r

O medio rural galego, sector estratéxico para saír da crise

Varios profesores da Universidade de Vigo intervirán nestas xornadas organizadas pola UIMP

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 10/04/2012

Lonxe de desaparecer, o mundo rural pode ser clave na recuperación económica de Galicia . Esta vía para saír da crise é a que se vai analizar no curso Galicia, un mundo rural vivo, promovido polo Concello de Lalín e financiado pola Universidade Internacional Menéndez y Pelayo, UIMP. Do 11 ao 13 de abril, expertos de prestixio de diferentes ámbitos, entre os que se atopan profesores da Universidade de Vigo, estudarán as potencialidades do rural dende unha óptica multidisciplinar co fin de detectar as oportunidades que achega este sector básico da economía galega á difícil situación económica.

Neste encontro de tres días preténdese facer unha diagnose da situación actual do medio rural galego empregando diferentes perspectivas. Así, abordarase a análise do sector dende a demografía, o turismo, a actividade agrícola e gandeira, a organización administrativa, o urbanismo, a paisaxe, o desenvolvemento rural… pero empregando un discurso optimista porque “queda tempo, medios e grupo humano para intervir nel, lonxe de que desapareza”, comentou Xosé Luis Barreiro, director da UIMP en Galicia.

Participación da Universidade

Nestes tres días de encontro en Lalín, varios profesores da Universidade de Vigo achegarán a súa visión sobre o futuro do mundo rural galego. O primeiro en intervir será Xavier Simón que afondará nas potencialidades da agroecoloxía como nicho laboral. Na mesa redonda do xoves 12 de abril na que se debaterá sobre a gobernanza do rural, intervirán os profesores Santiago Lago e Enrique Varela, mentres que o docente José Antonio Fraiz clausurará o curso o venres 13 debatendo con outros expertos sobre as oportunidades e limitacións do turismo no mundo rural. O programa complétano máis de 20 expertos procedentes do mundo da empresa, das asociacións agrarias ou da administración local cun longo percorrido profesional e dilatada experiencia no sector.

O rural no pasado; os diferentes ‘mundos rurais’; o reto demográfico; o futuro do agro galego; as estratexias para a innovación; a xestión do espazo municipal; a paisaxe como estratexia de potenciación da contorna; o urbanismo; a rehabilitación do medio rural e as políticas de turismo nos espazos rurais son outros dos temas que se poñerán enriba da mesa e se debaterán a través dos diferentes relatorios que terán lugar ao longo das tres xornadas.

O curso está dirixido principalmente a profesionais do desenvolvemento rural, a responsables públicos, a técnicos municipais e a estudantes universitarios, para os cales o seminario terá unha validez de 20 horas lectivas sempre que estean matriculados nunha das tres universidades galegas.